A parlamentaria socialista Paloma Castro reclamoulle hoxe á Xunta que recupere a aula suprimida e os dous postos de mestres especialistas eliminados neste curso na Escola de Educación Infantil Nosa Señora do Carme, de Marín. Castro presentou unha proposición non de Lei na Comisión de Educación do Parlamento para reclamarlle a Educación que restaure o servizo tal e como estaba no curso anterior, que foi rexeitada polo PP.
A responsable socialista lamentou o voto en contra do PP a unha iniciativa que polo contrario si que respaldaron no Concello de Marín para “lavarlle a cara” á estratexia da Consellería de Educación, que está a provocar unha situación “insostible” nos centros educativos para xustificar os seus recortes de recursos e profesorado.
Explicou que a escola de Marín contaba no curso pasado con tres aulas de Educación Infantil, unha por cada curso, e o cadro de persoal docente estaba composto por un especialista de Educación Infantil por aula, unha especialista de Inglés con dedicación completa e unha especialista de Audición e Linguaxe tamén a xornada completa.
Incomprensiblemente, o pasado verán Educación trasladou a súa decisión de pechar unha aula e suprimir dous postos de mestres especialistas para o actual curso escolar, o que provocou a oposición do equipo docente, dos pais e nais do cole e da comunidade educativa de Marín, que cristalizou nun acordo unánime do Pleno do Concello o pasado 8 de xullo.
O goberno galego decidiu seguir adiante co desmantelamento planeado da Escola, a pesares da situación de pandemia e de que desta forma obriguen a agrupar aínda máis a nenos e nenas de entre 3 e 5 anos, polo tanto sen vacinar nin usar máscara, pero que tiveron que ser reagrupados en dúas aulas de 15 nenos cada unha.
Acusa ao goberno galego de atacar á escola cunha decisión que provocará a redución das matrículas no próximo curso, xa que as familias coñecen da situación “agónica” do profesorado. Actualmente hai 2 titores, unha delas facendo ao tempo de directora, conserxe e secretaria, unha especialista de Inglés con dúas sesións á semana e unha especialista en Audición e Linguaxe con tan só un día á semana para atender a dous rapaces con necesidades educativas especiais.
Castro subliñou que “non podemos deixar que morra esta escola, que é lenda viva do Concello”, polo que reclamou restaurar as 3 aulas, unha por curso de Educación Infantil, cun titor por aula, contando cun docente na especialidade de Inglés e un docente especialista en Audición e Linguaxe, cada un deles con dedicación a xornada completa.
Denuncia que a situación desta escola “é outro exemplo do desleixo deste goberno pola educación pública”, logo de ter reducido este mesmo ano 868 profesores que contrataran de reforzo pola Covid, que “eran os que o noso sistema necesitaba para cumprir coa legalidade”. Alertou de que estes recortes obrigan a agrupar alumnos “nunha das peores vagas da pandemia, desta volta afectando aos nosos fillos e fillas que aínda non están vacinados”.