A portavoz de Medio Ambiente do Grupo Socialista, Paloma Castro, vén de rexistrar unha serie de iniciativas parlamentarias para reclamarlle á Xunta que “deixe de botar balóns fora” co saneamento integral da Illa de Ons e garanta a correcta depuración das augas residuais incrementando a capacidade da actual instalación.
Castro presentou estas iniciativas logo do recente vertido provocado polo desbordamento da depuradora, unha instalación prevista para xestionar as augas residuais de 250 veciños, pero que nos meses do verán ten que soportar a presión dos 2.000 visitantes diarios que rexistra a illa. A responsable socialista apunta que o goberno galego “ten que levar a cabo unha ampliación do servizo de saneamento e a ampliación da depuradora”.
Sinala que o último desbordamento constitúe “un desastre para un territorio que está considerado patrimonio natural”. De feito, o Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, ao que pertence Ons, é o único parque nacional de Galicia e o décimo terceiro de España, en orde cronolóxica.
A situación da Illa de Ons constitúe “outro exemplo do desleixo na aplicación do Plan Integral de Saneamento”, cunha depuradora que “funciona mal dende fai unha década, vertendo ao mar as augas sen depurar”. Lembra que a Xunta “levou a cabo as obras de traslado e acondicionamento da depuradora no ano 2011, cun investimento de case 200.000 euros, e prometeu melloras na rede de saneamento que nunca chegaron”.
Por iso reclámalle á Xunta que “garanta na Illa de Ons o bo tratamento das augas residuais e un sistema axeitado de depuración”, así como “poñer en funcionamento o comprometido proxecto de saneamento integral para a illa”. Reclama “rematar dunha vez coas importantes deficiencias na rede de saneamento e na depuración das augas residuais, ampliando a tódolos barrios e aumentando a súa capacidade” para adaptala ás necesidades reais da illa.