Alerta dunha “tramitación aleivosa” do goberno galego e traslada o “rexeitamento social” do proxecto por parte da veciñanza
A deputada socialista Paloma Castro denunciou hoxe a “falla de transparencia e de información” por parte da Xunta sobre o parque eólico dos Cotos despois da polémica xerada ao abrir o período de alegacións durante as datas de Nadal cunha tramitación que cualificou de “aleivosa”. Fíxoo na Comisión de Industria do Parlamento, onde presentou unha pregunta oral neste sentido ante o goberno galego.
“Non é serio e denota unha total falla de transparencia e un ocultismo que non presume nada bo” por parte da Xunta de Galicia o seu comportamento con respecto á xestión deste proxecto, censurou Castro, quen trasladou o “rexeitamento social” por parte da veciñanza.
Neste sentido, a voceira socialista lamentou que a Xunta “volva renderse novamente ás eléctricas” e incidiu en que “o goberno galego non pode impoñer e modificar prazos ao seu antollo e sen xustificación, sempre de forma interesada para beneficiar a estas grandes empresas e en detrimento da veciñanza” que “está preocupada e non sabe que vai pasar co seu monte”.
Con todo, Castro denunciou que o goberno galego “non actúa de forma igualitaria con todos os concellos, senón en función da súa cor política”.
Así, subliñou, mentres o alcalde popular de Cerdedo-Cotobade anunciou que a Consellería lle informou de supostas irregularidades na tramitación, “sen dar conta a oposición nin publicar cales son estas supostas irregularidades”, que “provocarían que se iniciará novamente o trámite de exposición pública”, o alcalde socialista de Ponte Caldelas, concello tamén afectado por este proxecto, “nin sequera foi informado desta cuestión”.
A realidade é, incidiu Castro, que “o alcalde de Cerdedo-Cotobade está a xogar ao despiste”, xa que “por unha banda abandeira a oposición veciñal contra este parque, pero por outra nin encarga aos técnicos do concello o informe ao que se comprometera nin se pronuncia sobre sumarse á posible impugnación xudicial que anunciou o alcalde de Ponte Caldelas, nin informa á veciñanza sobre os erros que motivaron a apertura do prazo de alegacións”.
POR UN “ACORDO DE PAÍS” EN MATERIA EÓLICA
Ao fío disto, a responsable socialista censurou as actuacións do goberno galego en materia eólica. “Ademais de basearse nun plan non avaliado ambientalmente, están sendo constantemente corrixidas polos tribunais, o cal implica problemas para os afectados e as empresas promotoras, ao mesmo tempo que a lexislación eólica galega é un galimatías de normas que mudan constantemente e non están axeitadamente coordinadas entre si nin actualizadas”.
Neste sentido, lamentou que as decisión políticas da Xunta neste ámbito “son erráticas e carecen de rumbo” e están provocando “inseguridade xurídica e conflitividade social” nun ámbito que “debería ter unha normativa clara e tendente a permitir un desenvolvemento eólico ordenado y estable que respecte o medio e contribúa economicamente nas zonas onde se instalan os parques eólicos”.
Porén, Castro urxiu a abordar a cuestión eólica entre os partidos como un “acordo de país”, dado que “é un vector imprescindible da transición enerxética xusta” e precisa dun “marco normativo claro e estable” para todos os axentes implicados.