Lamenta que os obxectivos “para un escenario máis sostible” estean “moi lonxe de ser cumpridos” cando a Xunta orzamentou “só o 20% do que estaba previsto” en 2020 e desta cantidade “só executou o 23% do orzamentado”
A vicevoceira do Grupo Socialista, Paloma Castro, vén de denunciar o incumprimento por parte da Xunta do Plan de Xestión de Residuos Urbanos de Galicia (PXRURG). Fíxoo, hoxe, a través da presentación dunha pregunta ao goberno galego no Pleno do Parlamento.
Castro lamentou que a cantidade destinada a reciclado e preparación para a reutilización, no ano 2019, foi de 46.000 toneladas, unha cifra que se atopa “moi lonxe dos obxectivos marcados”, xa que as previsións das cantidades que se deberían destinar en Galicia para a este “tiñan que ser de 245.000 toneladas”.
Ademais, censurou que a Xunta no ano 2021 “non iniciou nin unha soa das once plantas industriais que tiñan previsto ter rematadas en 2017” e en 2021 “só orzamentou o 20% do que estaba previsto” e, desta cantidade, “só executou o 23% do orzamentado”.
Nesta liña, a responsable socialista lembrou que o PXRURG, aprobado en xaneiro de 2011 e actualizado en decembro de 2020 en base ás obrigas comunitarias, “estableceu uns obxectivos para impulsar a xestión de recursos domésticos cara a un escenario máis sostible”, pero estes obxectivos se atopan “moi lonxe de se cumpridos”.
De feito, insistiu, “entre estes obxectivos atopábanse, con carácter cualitativo, a prevención, o reciclado e reforzar o principio de xerarquía nas opcións de xestión de residuos” e “con carácter cuantitativo, antes de 2020, a cantidade de residuos domésticos e comerciais destinados á preparación para a reutilización e reciclado para as fraccións de papel, metais, vidro, plásticos, biorresiduos e outras fraccións reciclables deberían alcanzar en conxunto o 50% en peso”.
Por todo isto, Castro instou ao goberno galego a “non perder a oportunidade de aproveitar o potencial do sector ambiental” para “contribuír a superar a crise que vén por diante”, xa que “o tempo esgótase” e “non podemos permitir máis maquillaxes nin lavados de cara” neste senso.