A portavoz de Medio Ambiente do Grupo Socialista, Paloma Castro, denunciou hoxe o fracaso do modelo de reciclaxe imposto polo goberno galego, que ten situado a Galicia á cola do obxectivo que marca a normativa estatal e comunitaria. Na comparecencia do presidente de Sogama, hoxe no Parlamento, sinalou que Galicia tan só recicla o 15 por cento dos residuos, cando o obxectivo era o de acadar o 30 por cento en 2020.
Castro lamentou o “claro desleixo” amosado polo goberno galego, que ten deixado o Plan de Xestión de Residuos Urbanos de Galicia en “papel mollado”, orzamentando a día de hoxe tan só o 20,6 por cento do previsto nunha programación que remataba hai dous anos.
Logo de 20 anos de funcionamento e con 295 concellos adscritos, Sogama está a demostrar un grave problema de “sobresaturación e colapso”, incapaz de xestionar o volume de residuos que entran pola porta. Alertou de que estes residuos son levados directamente a incinerar, provocando ademais un problema engadido para xestionar as 200 sacas diarias de cinzas que producen e que constitúen un residuo “perigoso e moi contaminante”..
Sinalou ademais á “mala xestión da planta”, que mantén procesos e maquinaria obsoletos e recursos humanos insuficientes para afrontar un proceso que necesita ser completado pola man humana. Castro Denunciou a falla de transparencia nos datos feitos públicos pola entidade, que mantén a web desactualizada, ofrecendo información “moi escasa e sesgada”.
Paloma Castro lembra que o Plan de Xestión prevía a creación de 11 novas plantas no ano 2019, pero neste momento “só podemos falar de 3 plantas aínda en construción” nos concellos de Vilanova, Cervo e Verín, que complementen á Planta de Compostaxe de Cerceda, inaugurada no ano 2018 e da que a día de hoxe “non foi posible extraer nin unha tonelada de compost”, ademais de que tan só ten 3 concellos adheridos, cando debera ter capacidade para chegar a 20.
Modelo alternativo
A responsable socialista propuxo un modelo de xestión alternativo intermedio entre a centralización absoluta actual e o modelo de inmediación total. A súa proposta céntrase en localizacións territoriais que garantan mellor economía de escala, apostando por instalacións máis pequenas de ámbito comarcal ou provincial, mentres a fracción restante poida ser trasladada a unha instalación mais centralizada.
Sinalou que “non podemos permitirnos máis maquillaxes nin lavados de cara”, e chamou a aproveitar o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, que contará cunha liña orientada á xestión dos residuos municipais en liña coas prioridades marcadas pola Comisión Europea para acadar un modelo “máis sostible, porque é necesario e porque a Lei llelo esixe”.
Propuxo seguir a liña marcada por Europa e outras Comunidades Autónomas na busca de facer partícipe á cidadanía, incorporando beneficios fiscais con incentivos ambientais e compensacións sociais mediante bonificacións, exencións ou reducións, así como campañas de sensibilización e información que promovan a súa participación activa.