Urxe ao goberno galego a manter tres aulas no centro escolar ante a situación de “desamparo” que están a vivir 30 alumnos e alumnas, dous deles con necesidades especiais
A deputada pontevedresa Paloma Castro vén de denunciar o “desmantelamento” por parte da Xunta de Galicia do centro escolar EEI Nosa Señora do Carme en Marín. Fíxoo, hoxe, a través da presentación dunha batería de iniciativas neste senso no Parlamento.
“A escola infantil de Marín, aberta dende 1962, está sufrindo un desmantelamento por parte do goberno galego, xa que reduciu o profesorado de cinco a dous mestres”, denunciou a vicevoceira do Grupo Socialista, logo de lembrar que a escola conta con 30 alumnos e alumnas, entre os que se atopan dous con necesidades especiais “que requiren máis atención”.
Castro cualificou de “sen sentido” o feito de reducir o número de clases e “mesturar nenos e nenas de distinta idade, aumentando así o número de alumnado en cada aula do centro con respecto ao curso pasado” dada a situación de pandemia. “É tempo de separar as clases, en vez de xuntalas”, sentenciou.
Nesta liña, sinalou que tamén “podería darse o caso de que un neno ou nena se caia ou unha profesora se poña enferma, o que suporía que se quedaría a cargo dos 30 alumnos e alumnas da escola unha soa profesora, o que non garante unha educación de calidade”.
Esta circunstancia, sinalou, pon ao alumnado “nunha situación de desamparo total” que reflicte o “desmantelamento da educación pública dos gobernos do PP”. “É incrible que durante unha pandemia se reduza profesorado cando é máis importante ca nunca manter un cociente de alumno por profesor máis amplo dadas as actuais condicións sanitarias”.
Por todo isto, Castro instou ao goberno galego a manter as tres aulas no centro escolar, unha para cada curso de Educación Infantil cun titor ou titora por aula, ademais dun docente para impartir a especialidade de Inglés e outro docente para impartir a especialidade de Audición e Linguaxe, ambos os dous a tempo completo.