Acusa ao goberno galego de “botar balóns fora” para atender ás demandas dun colectivo que leva 7 meses en folga
A portavoz de Xustiza do Grupo Socialista, Paloma Castro, denunciou hoxe o “desprezo” da Xunta cara aos avogados e avogadas da quenda de oficio que levan 7 meses de folga reivindicando a mellora das condicións laborais. Castro presentou unha pregunta oral no Pleno do Parlamento na que acusou ao goberno galego de “botar balóns fora” diante da “precariedade” destes profesionais.
Castro esixiulle ao conselleiro de Presidencia que reciba aos representantes dos letrados da quenda de oficio para acordar a mellora das condicións, e acusou ao goberno galego de cumprir coa obriga constitucional de garantir a asistencia xurídica gratuíta “a costa da precariedade dos avogados e avogadas”, e explicou graficamente que “ninguén entendería que a un cirurxián non lle pagasen as operacións de estómago ou a unha enxeñeira só lle abonaran os tramos pares dunha estrada”.
Reclamou unhas condicións dignas para os letrados e letradas, que seguen sen ter previstas cuestións básicas como asistencia ao detido cando pasen máis de 24 horas, asistencia na fase de instrución cando o caso é sobreseído, os desprazamentos aos centros penitenciarios ou de menores, ou os recursos de reposición no contencioso – administrativo. Reclamoulle ao goberno galego “o abono do traballo prestado, porque os letrados non traballan gratis”.
Pediulle á Xunta que revisen á alza a porcentaxe das achegas aos colexios profesionais para a xestión da Quenda de Oficio, xa que a actual demostrouse “claramente insuficiente”, establecendo como retribucións as cantidades que se perciben por este traballo.