Reprocha ao goberno galego o vivido no PAC de A Parda, en Pontevedra, por un médico que se viu obrigado a facer el só unha garda de 14 horas de traballo e atender a 106 pacientes
A deputada socialista Paloma Castro vén de denunciar a “xestión vergoñenta” da Xerencia da área sanitaria Pontevedra-Salnés despois da situación vivida no PAC de A Parda, en Pontevedra, o domingo 6 de febreiro. Fíxoo, hoxe, na Comisión de Sanidade do Parlamento, a través dunha pregunta ao goberno galego.
“A situación da atención primaria en Galicia é algo moi debatido, a escaseza de persoal, as condicións laborais destes profesionais, o colapso do servizo e a deficiente atención é algo xeneralizado en todo o territorio, pero a xestión que está a levar a cabo a dirección da xerencia da EOXI de Pontevedra-Salnés é vergoñenta”, censurou a socialista, quen o exemplificou coa “situación concreta, pero non illada” ocorrida no PAC pontevedrés que cubre as necesidades sanitarias de 125.000 pacientes.
Alí, lembrou, un só facultativo veuse obrigado a facer unha garda de 14 horas de traballo nas que atendeu a 106 pacientes con 3 horas en domicilios, o que supón que “facendo unha medida atendeu 6 minutos a cada paciente sen descanso”.
“Señor director xeral, nós tamén nos preguntamos como nestas condicións aínda hai profesionais sanitarios que presten servizo no noso país”, sentenciou a socialista. O peor, lamentou, é que “non podemos falar dunha situación puntual”, xa que “non é a primeira vez que pasa”.
“Un centro como A Parda, que asiste a varios concellos, non pode quedar sen facultativo ou unicamente con un médico porque isto ademais de atentar contra o dereito a unha asistencia de calidade, provoca que a xente ante a situación de desatención acuda ao servizo de urxencias, colapsando este servizo”, destacou a socialista.
A SITUACIÓN DO EOXI, “INSOSTIBLE”
Neste marco, Castro cualificou que a situación da EOXI é “insostible” cando “os sindicatos xa están cerrados a calquera tipo de negociación, os xefes de servizo non se falan con ela por mor da súa prepotencia, e vostede, señor director xeral, sábeo moi ben porque xa tivo que mediar nalgunha ocasión”.
“A isto súmanse unha sentencia condenatoria do TSXG por destituír de forma discrecional e con abuso de poder ao xefe de servizo de pneumoloxía, que obrigou a readmitilo e indemnizalo, e outro proceso similar en trámite xudicial pero referido ao xefe de servizo de Cardioloxía; ou ao xefe de servizo de Uroloxía que polo trato recibido cesou no seu posto e agora está a consultar na privada, un referente da uroloxía a nivel estatal ao que viñan MIR de toda España a formarse e que perdeu a sanidade pública”, incidiu.
Por todo isto, Castro pediu ao goberno galego que “arranxe a situación” da área sanitaria tomando medidas “porque vai saltar por todos os lados” cando “o trato aos profesionais sanitarios está a ser terrible”. “É inmerecida esta prepotencia despois destes dous anos de extenuación e tensión que están sufrindo”, concluíu.