Censura que a directora de Augas de Galicia “negue o compromiso co proxecto despois de anos de promesas á veciñanza”
A deputada pola provincia de Pontevedra do Grupo Socialista, Paloma Castro, vén de denunciar a “inacción” da Xunta tras anos de paralización do proxecto de saneamento integral de Ribadetea, en Pontereas. Fíxoo, hoxe, na Comisión de Medio Ambiente do Parlamento, a través da presentación dunha batería de preguntas ao goberno galego, onde urxiu á Xunta a iniciar a execución da primeira fase do proxecto.
Castro censurou que a directora de Augas de Galicia “negue o compromiso co proxecto despois de anos de promesas á veciñanza”.
“Basta xa de escusas”, reivindicou a vicevoceira socialista logo de denunciar as “importantes deficiencias” na rede de saneamento e na depuración de augas fecais no municipio ponteareán cando “moitas das súas parroquias carecen directamente de rede de saneamento” como é o caso de Ribadetea onde viven máis de 900 persoas.
“Esta fermosa parroquia atópase nunha zona protexida pola Rede Natura 2000 porque transcorre por ela o río Tea, que é un referente ecolóxico na comarca do Condado e que está a levar a peor parte, sufrindo as consecuencias desta falla de saneamento”, lamentou.
Nesta liña, a vicevoceira socialista censurou que o goberno galego omitise unha partida para a depuradora nos orzamentos da Xunta de 2021, malia comprometerse a colaborar na súa financiación xa en 2018 e cando se veñen producindo “anos de agresións medioambientais contunadas que están a causar un prexuízo irreversible á flora e fauna do río Tea”.
Ante esta paralización, lembrou que “no mes de outubro de 2020, o Pleno Municipal de Ponteareas, aprobou novamente por unanimidade unha moción conxunta de todos os grupos na que se insta á Xunta a contemplar no orzamento de 2021, entre outras partidas, unha destinada a primeira fase do colector xeral de saneamento na parroquia de Ribadetea, en base ao proxecto redactado por Augas de Galicia”.
A maiores, incidiu, o PSdeG presentou, no mes de decembro, “varias emendas aos orzamentos xerais da Xunta de 2021 nas que se solicitaba a habilitación de varias partidas destinadas a estes fins que, por suposto, non foron aceptadas nin integradas nos orzamentos”.
Trala “cronoloxía duns incumprimentos reiterados e dunha débeda de anos coa cidadanía de Pontereas”, sinalou Castro, “tivo que chegar un goberno socialista a Madrid para pór en marcha a depuradora; xa que, durante anos de mandato do PP na Xunta e no Estado, o tema estivo parado”. Así, destacou, “o goberno de España comprometeuse a través da Confederación Hidrográfica Miño-Sil a financiar o 50% da depurada con fondos FEDER”.
“Co compromiso o concello a financiar o 20%, agardamos que a Xunta cumpra o seu compromiso de financiar o 20% e que asine con urxencia o convenio de colaboración con Augas de Galicia para o financiamento e execución da ampliación da depuradora da Moscadeira”.
Finalmente, Castro lembrou que a depuración de augas residuais “é unha cuestión medioambiental e de saúde pública”, polo que “a Xunta como administración competente ten a obriga de colaborar cos concellos e impulsar un sistema axeitado de tratamento”.
De feito, subliñou, “o goberno galego é consciente disto” xa que “hai anos comprometeuse a investir nun plan de saneamento no que corrixiría as deficiencias neste sentido”, pero “o certo é que, a día de hoxe, non hai datos sobre o nivel de cumprimento deste plan de saneamento”.