Urxe á Xunta a “tomar medidas axeitadas para garantir a calidade do servizo” e “protexer ás e aos menores en situación de desamparo”
A deputada pontevedresa Paloma Castro vén de denunciar a falla de seguridade no centro de reeducación Avelino Montero de Pontevedra. Fíxoo, hoxe, logo de presentar unha batería de iniciativas no Parlamento de Galicia sobre esta cuestión.
“Dende hai semanas, existen graves deficiencias no funcionamento do servizo de seguridade do centro de menores Avelino Montero”, alertou a socialista tras incidir en que “quedan quendas descubertas e sen seguridade, o que está afectando ás e aos menores e tamén aos profesionais que traballan neste organismo”.
Neste sentido, a socialista sinalou que a empresa que está realizando o servizo de xeito externalizado “está incumprindo a obriga de garantir a mínima seguridade necesaria nestas instalacións para dar resposta aos incidentes que poidan xurdir e protexer tanto aos menores como ao persoal do centro”.
“Non podemos consentir que se priorice o aspecto económico nunha contratación tan necesaria como é a seguridade nun centro de menores, xa que esta contribúe de forma esencial ao fin último que é protexer ás e aos menores en situación de desamparo”, sentenciou. Neste sentido, subliñou, “a obriga da Xunta é garantir a estas nenas e nenos unha forma e condicións de vida o máis achegada a unha familia normalizada”.
Ante esta situación, demandou a socialista, o goberno galego “ten que tomar medidas axeitadas para poder garantir a calidade do servizo, de forma que estea garantida a salvagarda dos intereses das e dos menores que alí residen”.
“Isto é o prioritario”, concluíu Castro, quen alertou de que esta situación “non parece puntual”, xa que “existen sospeitas de que esta circunstancia se está dando noutros centros de menores de Galicia”, o cal “é enormemente preocupante”.