Lamenta o voto en contra do PP á proposta socialista para implantar un programa de educación ambiental nos centros educativos de Galicia
A portavoz de Medio ambiente do Grupo Socialista, Paloma Castro, criticou hoxe que a política medioambiental do PP “non supera o mero postureo”. Así o dixo logo de coñecer o voto en contra do PP na Comisión de Medio ambiente do Parlamento á proposta socialista para implantar un programa de educación ambiental nos centros educativos de Galicia.
A responsable socialista reclamaba aproveitar os organismos competentes en Galicia, o Observatorio Galego da Educación Ambiental e o Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental -Ceida- para elaborar unha Estratexia de Educación Ambiental para a Sostibilidade. Advertiu da urxencia de integrar a Educaciónm Ambiental para a Sostenibilidade no currículo educativo de forma transversal.
Reclamou que “a educación ambiental sostible non quede en meros programas de investigación ou ofertas puntuais dirixidas ás escolas” senón que, polo contrario, “implanten de xeito decidido e con carácter transversal un programa de educación ambiental nos distintos centros educativos de Galicia”. Pediu incorporar de experiencias de contacto directo e mellora sistemática de ecosistemas próximos aos centros, con obxectivos concretos e campañas de sensibilización para a xente nova.
Castro lembrou que o goberno de España ten aprobado a Lei orgánica 3/2020 que modifica a Lei de Educación, incorporando por primeira vez referencias explícitas á Educación para o Desenvolvemento Sostible e a Educación para a Cidadanía Mundial reflectidas na Axenda 2030. Sinalou que, para dar cumprimento á Lei, o Goberno ten elaborado o Plan de acción de educación ambiental para a sostenibilidade -Paeas- 2021-2025.
Sen embargo, acusou ao PP de ter desprestixiado a reforma da lei educativa, que “se resistiron a cumprir ata o último momento, cunha clara insubmisión”, descualificando unha norma que vai na dirección marcada pola UE e as inquedanzas amosadas pola mocidade.
Explicou que segundo o informe “Xoves e Medio ambiente” do Observatorio da Xuventude da Fundación SM, revela unha preocupación xeral pola crise medioambiental entre a mocidade, e o 82 por cento demanda máis educación sobre temas medioambientais.