Esixe “medidas concretas e orzamento real” para cumprir coas medidas previstas no Plan e acusa á Xunta de apoiarse no traballo das asociacións da Rede Galega contra a Trata sen garantir recursos suficientes
A portavoz de Xustiza e Igualdade do Grupo Socialista, Paloma Castro, advertiu hoxe que a xestión do Plan contra a Trata e a Explotación Sexual por parte da Xunta resulta “moi mellorable”. Castro reclamou medidas concretas e orzamento real na comparecencia do director xeral da loita contra a Violencia de Xénero, que presentou no Parlamento o informe de seguimento do I Plan galego contra a trata de seres humanos con fins de explotación sexual 2022 – 24, que non foi publicado nin enviado aos grupos.
A responsable socialista sinalou que o grao de cumprimento resulta “escaso” por parte do goberno galego, que se apoia no traballo das asociacións que integran a Rede Galega contra a Trata ás que non ten en conta para deseñar as medidas incluídas no documento e as deixa sen recursos suficientes. Explicou que o goberno galego ten conxelada a partida para estas asociacións en 450.000 euros dende o ano 2019.
Advertiu que a aplicación deste I Plan foi “moi deficiente” pola falla de medidas concretas e de recursos orzamentarios para executalas por parte do goberno galego, mentres o informe non explica o grao de execución das actuacións previstas nin os seus resultados. Ademais, apuntou que “aínda non sabemos” a data prevista para coñecer o II Plan contra a trata e a explotación sexual, que debera ser consensuado, dixo, coa Rede Galega contra a Trata.
Castro reclamoulle ao goberno galego que presente medidas concretas para concienciar á sociedade e garanta o avance do feminismo con atención e apoio institucional ás organizacións que defenden a igualdade de homes e mulleres. Lembrou neste sentido a obriga do goberno galego de implantar a educación afectivo – sexual no ensino público a partir do próximo curso, tal e como figura no acordo parlamentario acadado a proposta do Grupo Socialista.
Pediu que a formación en igualdade de xénero sexa unha necesidade estrutural nos servizos públicos, e debe ser incluída nas probas de acceso e promoción interna, mentres a contratación coa administración debe de incorporar cláusulas sociais, ou a lo menos esixirlles ás empresas que conten con Plan de Igualdade, Protocolos anti acoso e formación en igualdade para o seu persoa.
Reclamoulle á Xunta que garanta unha asistencia integral ás mulleres vítimas con recursos propios do goberno galego, que ademais debe de coordinarse cos concellos galegos para despregar unha actuación eficaz en todo o territorio galego, malia que a día de hoxe “aínda no tiveron ningunha xuntanza coa Fegamp” neste sentido. Alertou de que o goberno galego seguirá a dar paus de cego mentres “non exista unha radiografía da realidade da trata en Galicia”, que é responsabilidade do goberno galego.
Castro advertiu que “isto non debera ir de ideoloxía política, senón de dignidade”, e advertiu que “ninguén que se considere feminista pode defender que o corpo das mulleres se mercantilice”. A parlamentaria socialista subliñou o compromiso dos e das socialistas galegos co abolicionismo da prostitución seguindo modelos como os de Suecia ou Francia.