Cualifica de “brinde ao sol” o Decálogo pola Igualdade LGTBIQ+ no deporte presentado pola Xunta en xuño “sen ningún tipo de protocolo nin obriga”
A parlamentaria socialista Paloma Castro cualificou de “indigno e inaceptable” que a Xunta destine tan só o 0,0003 por cento do Orzamento -menos de 50.000 euros- ao Observatorio LGTBIQ+ contra a discriminación por orientación sexual e ás asociacións. Así o dixo no debate dunha pregunta oral que presentou hoxe en Comisión pola falla de iniciativa da Xunta contra as condutas LGTBIfóbicas no deporte.
A responsable socialista esixiu “non só vontade política, senón tamén orzamento” para previr e actuar fronte á LGTBIfobia, xa que “levan demasiado tempo de brazos cruzados”. Criticou a desatención ao Observatorio galego contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero, que se reúne “unha vez ao ano para salvar os mobles” dun goberno que leva “demasiado tempo de brazos cruzados”.
Castro sinalou hoxe que o Decálogo pola Igualdade LGTBIQ+ nos deportes, presentada no mes de maio polo goberno galego, constitúe en realidade un “brinde ao sol” xa que carece de “ningún tipo de protocolo nin obriga”. A portavoz de Deportes do Grupo Socialista reclamou a posta en marcha de campañas para fomentar a visibilidade das persoas LGTBIQ+ no deporte, así como protocolos de prevención e actuación fronte á LGTBIfobia.
Tamén lle pediu ao goberno galego que facilite a formación integral na prevención destas condutas de odio, o acoso sexual e outras formas de discriminación dirixidas ao persoal encargado da xestión das instalacións deportivas e da súa dirección técnica “para que teñan recursos á hora de actuar” fronte estas actitudes. Ademais chamou a adoptar unha “actitude de condena pública ante estes comportamentos, sinaladamente nos espazos deportivos”.