Esíxelle á Xunta e Concello que “deixen de tirarse a pelota uns aos outros e resolvan un problema serio para os veciños e veciñas de Mourente”
Advirte que coa obra inhabilitaron a entrada ás fincas e inmobles, e esíxelle ao PP e ao goberno galego que asuman as súas responsabilidades e deixen de botar balóns fora
A parlamentaria socialista Paloma Castro, tildou hoxe de “incomprensible” a negativa do PP á proposta socialista para resolver os problemas viarios provocados pola ampliación da vía de acceso ao Hospital Montecelo executadas polo goberno galego. Castro presentou unha iniciativa parlamentaria que incluía a construción dun novo aparcadoiro de superficie gratuíto e que foi rexeitada hoxe polo PP na Comisión de Sanidade do Parlamento.
Castro esixiulle a Xunta e Concello que “deixen de tirarse a pelota uns aos outros e resolvan un problema moi serio para os veciños e veciñas de Mourente”, que inhabilitou a entrada ás fincas e inmobles, obviou a contención de inundacións e suprimiu beirarrúas, obrigando aos rapaces e rapazas a ir pola beiravía ata a parada do bus escolar.
A parlamentaria pontevedresa continuou o relatorio de problemas provocados por esta obra, que incluíu unha instalación eléctrica mixta, con tramos subterráneos e tramos exterior, sen facer informe do impacto medioambiental na flora e a fauna da contorna. Criticou a intervención da portavoz do PP, que “empregou un ton despectivo inaceptable que demostra a escasa consideración que ten para vostedes a seguridade viaria e os dereitos dos veciños e veciñas”.
Criticou a “flagrante neglixencia” derivada da falla de previsión do goberno galego nunhas obras executadas sen ter en conta a situación da área afectada, evidenciando multitude de problemas prácticos no proxecto e deixando unha situación “claramente prexudicial” para os veciños e veciñas.
Por iso reclamou novos camiños de servizo paralelos á estrada que dean acceso ás explotacións e predios, a habilitación de beirarrúas e mecanismos de contención das inundacións, ademais de redefinir o xiro que impide o acceso de forma segura ás vivendas afectadas.
Aparcadoiro
Castro reclamou ademais que habiliten un novo aparcadoiro de superficie gratuíto empregando varias das fincas expropiadas por estar na área de influencia do Hospital, pero que non teñen previsto ningún destino neste proxecto. Explicou que o proxecto incorpora un aparcadoiro cuberto de 1.400 prazas, 200 menos das inicialmente previstas e, ademais, 1.000 delas son de xestión privada.
Pediu un aparcadoiro gratuíto que supla as 200 prazas que desapareceron do proxecto inicial, e alertou fronte ao modelo do PP de aparcamentos privados que permite que unha empresa privada se lucre da necesidade de atención sanitaria. Así o fixo no Hospital de Vigo, lembrou, onde o Concello de Vigo tivo que construír dous aparcamentos con 1.000 prazas no Hospital diante da intención manifesta do goberno galego de facer un aparcamento de pago.