Denuncia que o goberno galego “desvía o foco” desta cuestión, pide a súa implicación no “esclarecemento da verdade” e subliña: “tolerancia cero cos abusos a menores”
A voceira de Xustiza do Grupo Socialista, Paloma Castro, vén de urxir á Xunta que se posicione con respecto á petición do informe á Valedora do Pobo sobre os casos de abusos a menores no seo da Igrexa en Galicia. Fíxoo, hoxe, no Pleno do Parlamento, a través dunha pregunta ao goberno galego.
“Tolerancia cero cos abusos a menores”, sentenciou Castro, antes de advertir ao Executivo galego que “non se pode minimizar unha realidade existente porque isto te convirte en cómplice” e, neste marco, acusou á Xunta de “desviar o foco” desta cuestión, polo que urxiu a necesidade de “deixar de mirar cara a outro lado” e “escoitar ás vítimas e reparalas” tras “décadas de abusos silenciados”.
Tralo debate vivido onte no Pleno do Parlamento, a responsable socialista lamentou que o PP “medise enormemente as súas palabras” ao referirse “á posibilidade innegable de que dentro da Igrexa tamén puidesen darse casos”, xa que a voceira do PP falou disto “coa boca pequena”.
“Esta actitude o que reflicte é o poder que aínda ten a Igrexa na nosa sociedade e aclara por que moitos pedófilos se agochan trala superioridade que outorga pertencer a esta institución para poder actuar con total impunidade”, sentenciou.
Ao fío disto, a dirixente socialista lamentou tamén a “actitude” da Igrexa ao encargar unha auditoría a un bufete de avogados vinculado ao Opus Dei, xa que “non cremos que vaia ser moi obxectivo e soa máis a lavado de cara que a outra cousa”.
“É necesario que a Igrexa católica deixe ese muro de silencio, de falsas promesas ou auditorías de parte e comece a implicarse de forma activa no esclarecemento da verdade, condena dos culpables, restauración ás vítimas e prevención”, incidiu.
“É urxente que o goberno da Xunta impulse medidas para que isto non siga pasando”, instou Castro, xa que “é necesario facer xustiza non só á situación de abuso, senón tamén á situación de desamparo e incomprensión que sufriron as vítimas”. Polo que, dende o Grupo Socialista, “entendemos necesario contribuír á determinación dos feitos e responsabilidades, á reaparición das vítimas e a planificación de políticas públicas orientadas á prevención destes abusos”.