Pide que esa regulación galega concrete a tenencia responsable ou os requisitos mínimos de acollida e expresa o seu desexo dunha futura lei que inclúa tamén aos equinos e que prohiba as touradas
A deputada socialista Paloma Castro incidiu hoxe na necesidade de que a Xunta de Galicia desenvolva a Lei de protección e benestar dos animais de compañía de Galicia. Esta norma aprobouse hai catro anos pero segue sen ter unha concreción específica vía regulamento que lle dea seguridade xurídica á súa aplicación.
Paloma Castro realizou esta petición a través dunha pregunta na Comisión 2ª do Parlamento, onde acadou o compromiso da Xunta de asumir esta solicitude para darlle entidade a aspectos que xa se están aplicando de facto, pero sen concreción legal. De maneira particular, a deputada socialista expresou o seu desexo de que, ademais de outros aspectos, esa futura regulación galega inclúa tamén aos equinos e prohiba as touradas.
Na súa intervención, Paloma Castro explicou que a Lei de protección e benestar dos animais de compañía en Galicia a probouse no ano 2017. “Foi unha lei”, sinalou, “pouco ambiciosa e coa falta do consenso necesario, pero que introduciu un avance con respecto á anterior”.
Con todo, catro anos despois aínda non existe un regulamento que especifique e desenvolva esta norma. Polo tanto, “deixáronse moitos aspectos abertos a unha concreción posterior vía decreto, que nunca chegou”.
Entre esas cuestións, están, por exemplo, o procedemento para autorizar a realización de eventos con animais de compañía, a determinación dos métodos permitidos para a practica da eutanasia, a determinación do número máximo de animais que poden terse en acollida ou o desenvolvemento das funcións, composición e funcionamento do Comité Consultivo para a protección animal.
A maiores, Paloma Castro indicou que a estas cuestións habería que sumar outros aspectos “prácticos e necesarios”, xa que “non podemos esquecer que o maltrato aos animais persiste e a resposta dos poderes públicos non está a ser todo o eficiente, rápida e contundente que debería”.
Nesta liña, instou á Xunta a desenvolver medidas para determinar os coidados ou atencións mínimos necesarios para un animal de compañía, que se concrete que se entende por tenencia responsable ou un aumento das medidas de control do abandono e o maltrato animal.
Tamén avogou por establecer os requisitos necesarios para os centros de acollida de animais abandonados ou facilitar a persecución e castigo das condutas que poñan en perigo a integridade dos animais, así como a cuestión de eutanasia e sacrificio, “que na lei queda cunha redacción bastante ambigua”.
Por outra banda, tamén lle botou en cara á Xunta a ausencia de políticas de sensibilización contra o maltrato ou de concienciación sobre adopcións. Nesta liña, subliñou que a Deputación de Pontevedra logrou coas súas campañas bater o récord de adopcións no CAAN.
En definitiva, sinalou que “quedan moitos aspectos por concretar dunha lei que en breve quedará obsoleta”. Ao fío disto, lembrou que “por sorte nestes últimos anos a sociedade ten evolucionado moito en materia de respecto aos animais” e “determinados comportamentos lesivos que hai anos víanse con normalidade, como a utilización de animais para espectáculos o seu uso experimental ou o abandono, cada vez son menos aceptados polo conxunto da cidadanía”.
A deputada socialista puxo de relevo que, “en consonancia con esta evolución”, estase a tramitar no Congreso unha nova lei estatal de benestar animal, que pretende dar un paso máis e garantir unha maior protección dos animais en xeral e particularmente dos animais que viven nun entorno humano, entendendo estes como seres dotados de sensibilidade “cuxos dereitos deben protexerse”.
Nesta liña, Paloma Castro fixo un chamamento a “non relaxarnos porque queda moito por evolucionar aínda”. “Dicía Ghandi “, concluíu, “que a grandeza dun país e o seu progreso moral poden ser xulgados pola forma en que trata os animais”. “So así avanzaremos como sociedade”, proclamou.