Urxe ao goberno galego que “rectifique” e “pida perdón” aos traballadores e traballadoras do servizo tras apoiar esta medida que vulneraba as condicións laborais do persoal
A parlamentaria socialista Paloma Castro aplaudiu hoxe a sentencia firme que tomba o desmantelamento do Servizo Local de Gestión de Emerxencias de Sanxenxo que levou a cabo o concello coa conivencia da Xunta e, especificamente, co apoio do seu vicepresidente.
A socialista, que levara esta cuestión ao Parlamento o pasado ano para reclamarlle á Xunta que paralizara a reestructuración do persoal anunciada polo goberno local, urxiu agora ao goberno galego que “rectifique” e “pida perdón” aos traballadores do servizo tras apoiar esta medida que “botaba a rúa a seis traballadores e, segundo os tribunais, vulneraba as condicións laborais do persoal”.
Neste sentido, Castro censurou que o goberno galego, en vez de actuar como “mediador” no conflito entre o concello e os traballadores, apoiase publicamente ao alcalde de Sanxenxo nun cambio de condicións do servizo que “implicaba a modificación das súas funcións ou a limitación dos traballadores por garda, minguando así un servizo que é imprescindible para desenvolver actuacións de emerxencias nos concellos de Sanxenxo, Meaño e Poio, e que tamén ofrece apoio a outros municipios en situacións excepcionais”.
Así, a viceportavoz socialista reivindicou o “traballo e compromiso” do persoal do GES que, o pasado ano, interveu incluso no incendio da nave de Jealsa, fóra do seu radio de cobertura territorial, o cal “exemplifica a necesidade de contar con equipos formados e persoal suficiente en materia de emerxencias”.