A parlamentaria socialista Paloma Castro alertou hoxe no Parlamento de que os Orzamentos da Xunta para 2022, que foron presentados esta mesma semana na Cámara autonómica, exclúen a ampliación do IES Pedras Rubias de Salceda de Caselas. Castro presentou unha pregunta oral na Comisión de Educación que se celebrou esta mañá para reclamarlle á Xunta que leve adiante o proxecto que anunciaron no mes de maio.
Castro trasladou a súa “fonda preocupación pola ausencia deste proxecto dos Orzamentos para 2022, xa que non existe a partida específica de 1,5 millóns de euros que fora comprometida hai 6 meses pola delegada territorial da Xunta”. Sinalou que “polo contrario si que prevén a ampliación doutros IES en Galicia” e reclamou que “rematen dunha vez con este agravio comparativo coa cidadanía de Salceda de Caselas”.
Esixiulle á Xunta que “deixen de vender fume” anunciando a redacción do proxecto, que tampouco figura nas contas da Xunta, e cumpran cos seus compromisos para atender a unha necesidade urxente para os pais e nais da localidade, que levan “5 anos de reivindicacións” para garantir que os nenos e nenas poidan ter acceso á educación en igualdade de oportunidades que o resto de Galicia e ter así “as mesmas oportunidades”.
Castro anunciou que o Grupo socialista presentará unha emenda aos Orzamentos da Xunta para que incorporen esta intervención durante o trámite parlamentario das contas para o próximo ano, leven adiante dunha vez a ampliación do instituto e “deixen de rirse na cara dos veciños e veciñas de Salceda de Caselas”.
Explicou a urxencia desta actuación para reforzar a oferta educativa dun dos concellos con maior dinamismo demográfico da área urbana de Vigo, con en torno a 1.000 alumnos e alumnas neste curso escolar. Actualmente o IES Pedras Rubias é o único centro de educación secundaria nun concello que ten 345 alumnos matriculados na ESO, pero tamén conta con 529 alumnos e alumnas en Primaria, o que anticipa un aumento significativo da demanda educativa en secundaria.
Neste momento as ratios están completas, e este curso, co engadido da covid, obrigou a acondicionar coma aulas espazos como a biblioteca, o salón de actos, a sala de mestres ou a sala de música. Dixo que a ampliación é unha “necesidade real” para o concello e os pais, que “en moitos casos non saben ata setembro se terán praza no instituto no que a solicitan”.