Critica o voto en contra do PP a unha proposta parlamentaria para mellorar o tráfico e garantir unha mellor conexión peonil e ciclista entre as diferentes zonas do Concello
A parlamentaria socialista Paloma Castro acusou hoxe ao PP de “obstaculizar” a mobilidade viaria en Pontevedra ao impedir un acordo parlamentario para reclamarlle á Xunta a mellora das estradas autonómicas da contorna da cidade. Castro presentou unha proposición non de Lei pedindo a construción do Viario do Vao, a variante de Alba e a mellora da seguridade viaria entre Pontevedra e O Grove, que foi rexeitada polo PP.
A deputada pontevedresa advertiu que “non se entende o voto en contra do PP a unha iniciativa que o único que pretende é mellorar de maneira significativa a mobilidade viaria da cidade de Pontevedra e nas localidades que foran parte da súa contorna”. Insistiu en que estas obras son “imprescindibles para mellorar a seguridade viaria e a eficiencia do transporte, favorecendo a mobilidade de vehículos, ciclistas e peóns”.
Castro reclamou en primeiro lugar que comecen co denominado Viario do Vao, que conectaría a PO – 531 que une Pontevedra e Vilagarcía e a PO – 310 na Caeira, no concello de Poio, para mellorar as comunicacións entre as dúas vías. Tamén reclama a execución da variante de Alba, no propio concello de Pontevedra, para optimizar o tráfico e reducir a conxestión no municipio mellorando a accesibilidade e a fluidez do transporte na área.
Finalmente, urxe a tomar medidas para mellorar a seguridade viaria para peóns e ciclistas entre as localidades de Pontevedra e O Grove mediante a construción de carrís específicos e perfectamente sinalizados ao longo de todo o tramo, “garantindo unha maior protección para os que son os usuarios máis vulnerables da vía”.