Critica o voto do PP en contra de reforzar o servizo no Centro de Saúde de Baltar no período estival mantendo a ambulancia asignada ao Hospital do Salnés
A parlamentaria socialista Paloma Castro acusou á Xunta de “maltratar a Vilagarcía” ao retirarlle a ambulancia medicalizada do Hospital do Salnés para desprazala ao Centro de Saúde de Baltar -Sanxenxo- no período estival. Castro criticou o voto en contra do PP á proposta que presentou hoxe na Comisión de Sanidade para que o Sergas se comprometa a habilitar no verán unha ambulancia a Sanxenxo mantendo a adscrita ao centro hospitalario.
A responsable socialista denunciou que o goberno galego leva varios anos “desvestindo un santo para vestir outro” ao trasladar a ambulancia do Hospital ao centro médico de Baltar, “deixando polo tanto ao Concello de Vilagarcía e limítrofes sen ambulancia medicalizada”. Lembra que o incremento de poboación no verán “non é unha circunstancia única de Sanxenxo”, e que se repite nos concellos do Salnés, e explicou que Vilagarcía recibiu este ano un 15 por cento máis de turistas.
Acusou ao goberno galego de “priorizar uns concellos fronte aos outros, e garantir nestes primeiros unha mellor atención aos turistas”, desatendendo o principio de equidade entre os territorios ao tomar unha decisión que, a costa de desprazar o servizo a Sanxenxo, deixa desprotexida á poboación de Vilagarcía, A Illa, Vilanova, Caldas de Reis, Catoira ou Valga.