Esíxelle ao goberno galego que actualice o complemento autonómico nos salarios do persoal de xustiza, tal e como se comprometeu cos sindicatos da xustiza
A portavoz de Xustiza do Grupo Socialista, Paloma Castro, esixiulle hoxe ao goberno galego que actualice o complemento autonómico transitorio nos salarios dos funcionarios da xustiza, tal e como asinou en 2018 para poñer fin á folga de xustiza. Castro presentou unha pregunta oral na Comisión Institucional do Parlamento na que denunciou os “incumprimentos reiterados dos compromisos adquiridos” por parte da Xunta.
A responsable socialista lembrou que o acordo asinado daquela incluía unha cláusula para revisar o complemento específico no terceiro trimestre de cada ano para garantir que Galicia se sitúe por riba da media das comunidades autónomas con competencia en materia de xustiza. Alerta de que “teñen que cumprir cos compromisos que puxeron fin a unha folga histórica e revisar á alza o complemento autonómico nos termos estipulados”.
Explicou que actualmente, e logo do incremento dos complementos en diversas comunidades autónomas, Galicia sitúase “moi por debaixo” da media estatal, xa que no corpo de Xestores é a décima, no de tramitadores procesuais é a novena, e no corpo de Auxilio Xudicial e Forenses é a oitava.
Paloma Castro anunciou que os socialistas galegos presentarán emendas aos orzamentos para incrementar o salario dos xestores en 80 euros, o dos tamitadores procesuais en 55 euros, o de auxiliares en 35 euros e o dos forenses en 50 euros, o mínimo necesario para cumprir co compromiso asinado polo goberno galego.
Denunciou que este non é o único incumprimento dos compromisos por parte do goberno galego, senón que é unha práctica “reiterada”, e lembrou por exemplo o Decreto do ano 2010 no que Feijóo se comprometera a crear as Unidade Administrativas na Oficina Xudicial das 7 principais cidades galegas, que 14 anos despois segue sen asumir.