A viceportavoz do Grupo Socialista, Paloma Castro, acusou hoxe á Xunta de penalizar a Poio ao paralizar a mellora da seguridade na estrada PO – 308, que leva 3 anos agardando polo investimento anunciado e proxectado polo goberno galego logo do falecemento dun ciclista. Castro presentou unha pregunta oral en Comisión para preguntarlle á Xunta “cantos sinistros teremos que seguir lamentando nesta estrada”.
Acusou ao goberno galego de “abandonar ao Concello pola súa cor política” e criticou que “xa sabemos que a provincia de Pontevedra réxese polo caciquismo do conselleiro Rueda, que focaliza os investimentos de acordo aos intereses do PP”. Denunciou que esta actuación “clientelar” en realidade “non está a discriminar aos alcaldes e alcaldesas doutra cor política, senón que discrimina e prexudica aos galegos e galegas que viven nestes municipios”.
Castro esixiulle ao goberno galego que cumpra co seu anuncio de hoxe apuntando ao comezo das obras en dúas semanas, e advertiu que “estaremos vixilantes para garantir a execución desta obra”. Lembrou que o goberno galego “ten a obriga de garantir que as estradas de titularidade autonómica, como é o caso desta, cumpran cos requisitos mínimos de seguridade, ou do contrario será responsable do dano xerado polo seu desleixo”.
A responsable socialista esixiulle ao goberno galego que proceda de inmediato á mellora da seguridade na estrada e constrúa as 3 sendas peonís que ten comprometido en 2018 nos tramos Fontenla – Combarro, Combarro – Fontenla – Samieira e O Covelo – Raxó. Ata o momento, lembra, tan só executou o último dos tramos, e apenas “parches puntuais en resposta á situación de tensión ou problemas concretos, pero segue sen facer unha actuación concreta”.
Esta estrada, situada no Concello de Poio, é unha das estradas con máis tránsito, sinaladamente en temporada estival, ademais de ser unha das vías con maior número de accidentes, ademais de que recebe moitísimo tránsito peonil, pola elevada densidade de poboación en todo o seu percorrido.