Alerta de que “os galegos e galegas non queremos unha Xunta terraplanista e negacionista do cambio climático”, que fixo de Galicia a Comunidade Autónoma que menos recicla do Estado
A portavoz de Medio Ambiente do Grupo Socialista, Paloma Castro, criticou a xestión de residuos do goberno galego, que “vai coma un kamikaze” no sentido contrario da reciclaxe para converter a Galicia “nunha cheminea e un vertedoiro”. Dixo que aos galegos e galegas “non nos agrada unha Xunta terraplanista e negacionista do cambio climático, que colecciona tiróns de orellas da UE polos nefastos datos en reciclaxe e compostaxe”.
A responsable socialista criticou que o goberno galego queira “manipular e enganar aos Concellos” entregándolles a semana pasada unha misiva “cunha mensaxe falsa” polos custes do canon de Sogama. Lembrou que é o goberno galego o que está a facer que Galicia sexa a Comunidade Autónoma que menos recicla no Estado, que lastra os datos de todo o Estado e iso provoca o expediente sancionador aberto pola UE.
Advertiu que “se o goberno galego reciclara máis pagaría menos”, e lembrou que é a Xunta quen ten a obriga de apoiar a implantación de programas e sensibilizar para priorizar a reciclaxe. Esixiulle ao goberno galego que utilice os 56 millóns de euros transferidos a Galicia dende 2021 para o desenvolvemento de proxectos de mellora da xestión de residuos, dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do goberno de Pedro Sánchez.
Dixo que o goberno galego está “a avergoñar aos galegos e galegos diante de Europa” indo no sentido contrario das políticas de xestión de residuos. Explicou que Europa fixou o obxectivo de reutilizar e reciclar o 50 por cento dos residuos domésticos no ano 2020, e os datos de Sogama de 2023 sitúan a Galicia apenas no 18,32 por cento, lonxe da Rioxa -cun 66 por cento-, Cataluña -un 57 por cento-, o País Vasco -55 por cento- ou a Comunidade Valenciana -53 por cento-.
Esixiulle á Xunta que “deixe de poñer parches co diñeiro dos galegos e das galegas” e de poñer “paus nas rodas” ás políticas contra o cambio climático e estableza as bases dun novo modelo de xestión que faga da incineración algo subsidiario e sitúe o vertido 0 como o seu obxectivo. Reclamou un “golpe na mesa” para mudar o modelo de xestión para impulsar a formación, concienciación e sensibilización ambiental e axudar a concellos e empresas a implantar a compostaxe.
Altri
A responsable socialista esixiulle ao goberno galego transparencia e rigor na xestión do proxecto de Altri para Palas de Rei, e afeoulle que siga a estratexia do director de gabinete de Ayuso, de presentar “filtracións e datos non contrastados”. Así o dixo ao ser preguntada polo informe de Augas de Galicia favorable ao proxecto, que foi anunciado esta fin de semana pero que aínda non foi feito público.
Emprazou a coñecer os datos do informe, e aludiu a que o goberno galego siga sen explicar canto diñeiro público quere entregar á empresa para un proxecto que comezou como unha iniciativa estratéxica e ecolóxica que ía supor milleiros de postos de traballo e rematou sendo unha celulosa para uns centos de empregos.
Tamén acusou á Xunta de ter provocado o retraso na aplicación da Lei da Dependencia en Galicia, que “nunca lles gustou”, como demostraron cos recortes aplicados polos gobernos de Rajoy e os obstáculos para a súa posta en marcha en Galicia. Dixo que “a Xunta non pode pretender maquillar os datos e facer da Dependencia un coladeiro”, e esixiulles que aproveiten a “inxección récord” de fondos por parte do goberno de Pedro Sánchez.
Advertiu que as axudas e subvencións á Dependencia “son dereitos das persoas”, que requiren de garantías para que tódolos cidadáns poidan dispor dun apoio “igualitario e non discriminatorio”. Sinalou que Galicia carece de recursos para dependentes e atención á discapacidade, faltan prazas nos centros de día ou nas residencias publicas e a Xunta “non quere” asumir a porcentaxe do Servizo de Axuda no Fogar que lle corresponde e que están a asumir os concellos.