O deputado do PsdeG tamén avogou por estender o principio de unidade de actuación letrada a todos os procedementos vinculados coa condena inicial por violencia de xénero e “sen que se estableza o prazo máximo dun ano”
O vicevoceiro do Grupo Socialista, Pablo Arangüena, instou hoxe a modificar de forma urxente o regulamento de asistencia xurídica gratuíta de Galicia para evitar que os letrados condenados en firme por violencia machista poidan acceder ou manterse na quenda especial de violencia de xénero. Arangüena sinalou que a petición “non é algo desorbitado” senón que é de “sentido común”, pois a lei xa o prevé no caso de menores, “pedindo antecedentes para a docencia, ou calquera outra profesión relacionada con eles”.
Pablo Arangüena subliñou que “maltratar a unha muller, non só implica o acto de violencia en si, senón que leva detrás un machismo arraigado, unha crenza de posesión e titularidade sobre ela polo feito de ser home”. Esta circunstancia “incapacítao para asesorar coa dilixencia debida a calquera muller, ou para ser un bo pai, entre outras cousas”.
Así, incidiu en que “non entendemos como un maltratador si pode ser letrado dunha vítima de violencia de xénero, ao igual que ninguén entendería que un pirómano fose garda forestal ou que un pedófilo traballase con menores”.
Ao fío disto, Pablo Arangüena lembrou que no mes de xuño se lle trasladou esta petición no Pleno do Parlamento á conselleira de Igualdade, que “botou balóns fóra e eximiuse de responsabilidade”. A maiores, “e a pesar de manifestar que estaba todo ben, e ese problema non era real, dixo que o Consello da Abogacía Galega ía poñelo en coñecemento do Consello Estatal de Asistencia Xurídica Gratuíta”. Foi, segundo Arangüena, unha resposta “surrealista” porque “ao mesmo tempo que a Xunta nega o problema, tamén afirma que o ten enriba da mesa”.
Neste contexto, o parlamentario do PSdeG reclamou que “deixemos de branquear aos maltratadores e empecemos a sinalalos”. E moito máis, afirmou, nunha situación inicial na que unha vítima precisa “un letrado empático e sensibilizado co tema, que ademais de asesorala xuridicamente a escoite e lle diga que todo vai a ir ben”. Pablo Arangüena alertou que “nese momento un mal asesoramento pode facer que esa muller dea un paso atrás e engrose a terrible estatística que nos di que o 80 por cento das mulleres asasinadas non tiñan denuncias previas”.
Por iso, remarcou que “dende o Grupo Socialista cremos que urxe esta modificación regulamentaria porque, do contrario, seremos responsables do futuro de cada muller que dea un paso atrás”.
REFORZAR O PRINCIPIO DE UNIDADE DE ACTUACIÓN LETRADA
Por outra banda, e “co fin de facilitar as mulleres o duro trance dun proceso xudicial”, o deputado socialista tamén defendeu a necesidade de “mellorar e reforzar o principio de unidade de actuación letrada establecido pola lei nos casos de asistencia a vítimas de violencia”.
Con este obxectivo, Arangüena avogou por estender ese principio “á defensa nos procedementos posteriores que estean vinculados coa condena inicial por violencia de xénero, sexan de carácter penal ou de calquera ámbito, e “sen que se estableza o prazo máximo dun ano”.
O parlamentario socialista indicou que “cremos que é obriga dos poderes públicos garantir a maior protección ás vítimas de violencia de xénero e, polo tanto, é urxente solucionar as eivas que poidan darse nos procedementos xudiciais”. Deste xeito, apuntou “garantirase unha maior protección á vítima, evitarase a revitimización e daráselle unha maior seguridade”.