Lamenta que, fronte á aposta do goberno progresista do Estado, o compromiso inversor da Xunta “brilla pola súa ausencia”
O vicesecretario xeral do PSdeG, Pablo Arangüena, reivindicou hoxe o investimento dos Orzamentos Xerais do Estado na Coruña ao coñecer que recibirá arredor de 40 millóns de euros en inversión directa do Executivo central fronte a un compromiso inversor da Xunta que “brilla pola súa ausencia”.
“Os OXE para Galicia medran un 29,3% con respecto aos de 2020, nos que xa estabamos por riba da media española en inversión directa do Estado, e a maior parte dese orzamento vén para a provincia da Coruña”, aplaudiu o responsable socialista quen lembrou que Galicia vai recibir o 8,3% da inversión estatal directa cando temos un 5,7% da poboación do Estado”.
Ao fío disto, sinalou, “o España róubanos que predica o PP é completamente falso”, xa que estes orzamentos “benefician máis a Galicia que a media do Estado” e “especialmente a Coruña”. Así, destacou a “rebaixa histórica” das peaxes da AP-9, “que puido levar a cabo o goberno de Rajoy pero nin se lle ocurriu nin Feijóo lla pediu”, ou a rexeneración da ría do Burgo “na cal a Xunta pon cero euros e o estado vai poñer 48 millóns dos cales hai 14,8 nestes OXE”.
Neste sentido, Arangüena sinalou tamén o inicio das obras de ampliación de Alfonso Molina, o proxecto de ampliación da Ponte da Pasaxe “que está avanzando cando estivo parado polo anterior goberno”, o “compromiso” de 11 millóns de euros para o aeroporto de Alvedro previsto nos novos OXE, o tren ao porto exterior que está comprometido polo goberno progresista ou os 5 millóns para a adquisición e urbanización de terreos de Calvo Sotelo e Batería.
Ademais, o responsable socialista aplaudiu que Portos do Estado “estea disposto” a adiar a débeda de 200 millóns que pesa sobre Autoridade Portuaria e que comezaría a pagarse este ano, pero esta circunstancia “implicaría directamente a quebra do Porto da Coruña porque non ten ingresos nin beneficios suficientes para pagar esta débeda”.
Por último, Arangüena censurou a falla de investimento da Xunta na cidade cando na pasada lexislatura “a única inversión nova” foi unha pasarela peonil por importe de 1,5 millóns de euros. “Unha pasarela en catro anos”, lamentou. “A Xunta ten que comprometerse máis cunha cidade que é un dos motores económicos e sociais de Galicia, necesitamos máis compromiso e menos pintar cifras nun papel”, sentenciou.
En canto aos 9 millóns consignados para o CHUAC nos Orzamentos Xerais do Estado, Arangüena concluíu que “o ano pasado figuraban 20 dos que só se levan executados 6”, o que supón o 30%.