O viceportavoz do Grupo Socialista, Pablo Arangüena, dirixiuse hoxe ao presidente da Xunta para reclamarlle que “non relativice a homofobia” como posible causa do asasinato de Samuel a pasada fin de semana na Coruña.
Así o dixo logo da reunión da Xunta de Portavoces do Parlamento, nunha rolda de prensa na que aludiu ás declaracións de Feijóo na Cadena SER restándolle “relevancia” ás inclinacións sexuais da vítima.
O responsable socialista amosouse “moi cauteloso coas causas do crime”, pero sinalou que “estanse a dilucidar certos compoñentes de violencia homófoba”, e advertiu da importancia de “non relativizar as causas da violencia, por que iso supón non actuar sobre esas causas e non actuar sobre a violencia”.
Arangüena trasladou a “condena rotunda” dos socialistas galegos sobre “calquera tipo de violencia” e manifestou o seu rexeitamento contra o “brutal asasinato” de Samuel.
Ademais, aludiu ás multitudinarias mobilizacións que se teñen convocado ao longo de toda Galicia en repulsa por este crime e que contan co respaldo do PSdeG. Onte mesmo, tanto o secretario xeral, Gonzalo Caballero, como o propio Arangüena, secundaron a concentración que ateigou a coruñesa Praza de María Pita.