Dentro desa estratexia, insta á Xunta á creación dunha rede de bosques autóctonos públicos que contemple, como mínimo, un por cada concello galego
O vicevoceiro do Grupo Socialista, Pablo Arangüena, vén de rexistrar unha batería de iniciativas no Parlamento de Galicia para instar á Xunta a elaborar unha estratexia de conservación, mellora, defensa e posta en valor do bosque autóctono dotada cun mínimo de 30 millóns de euros ao ano.
Entre outras medidas, a iniciativa do PSdeG inclúe a creación unha rede de bosques autóctonos públicos en Galicia en colaboración coas administracións locais. Esa rede tería que garantir, como mínimo, un bosque autóctono por cada municipio.
Pablo Arangüena incide nos grandes beneficios que dende o punto de vista ambiental, social e cultural tería esta iniciativa “a un coste mínimo”. A maiores, o deputado do PSdeG subliña que contribuiría a frear “o grave declive e deterioro deste tipo de ecosistemas en Galicia”.
A iniciativa socialista recolle tamén a necesidade de fomentar a plantación de especies forestais autóctonas por parte dos propietarios, así como conservar as existentes. Nesta liña, o vicevoceiro socialista avoga por conservar e mellorar os bosques de ribeira, fomentar unha silvicultura sostible e responsable e levar a cabo actuacións de concienciación e educación.
REDE DE BOSQUES AUTÓCTONOS DE GALICIA
Polo miúdo, Pablo Arangüena insta á Xunta a deseñar, impulsar e implementar un plan dotado do correspondente orzamento para que, no prazo máximo de 5 anos, en colaboración coas administracións locais, se adopte e protexa en cada concello de Galicia un bosque autóctono público como mínimo.
No caso de xa existir, debería incidirse na súa conservación, progresiva mellora e posta en valor; e no caso de non existir, proponse a creación e mellora progresiva partindo da adquisición de terreos e plantación de árbores.
Pablo Arangüena defende que con esta iniciativa se contribuirá a “conservar o bosque autóctono, mellorar a nosa paisaxe, crear espazos de esparexemento e desfrute da natureza e producir un gran beneficio ambiental e social con escaso investimento de recursos públicos”. “Plantar árbores ou conservar as xa existentes”, sinala, “é moitísimo máis barato que crear infraestruturas a base de cemento”.
En definitiva, o bosque autóctono non só ten beneficios ambientais “imprescindibles e de enorme valor”, senón que tamén achegan beneficios paisaxísticos e sociais.
CAMBIO DE POLÍTICA FORESTAL
A maiores, o parlamentario lembra que esta proposta complementaría “o cambio de política forestal que desde o Grupo Socialista levamos moito tempo pedindo”. Nesta liña, incide en que o valor económico do eucalipto debe “compatibilizarse inexcusablemente” co valor ambiental e social do bosque autóctono.
“Iso”, argumenta Pablo Arangüena, “so se pode facer mediante unha decidida intervención pública, que hoxe non se está a producir” e que en Galicia lle corresponde á Xunta coa cooperación das administracións locais. Por contra, Pablo Arangüena alerta de que boa parte das masas forestais autóctonas “están a desaparecer progresivamente” ante a “proliferación descontrolada do eucalipto nas últimas décadas” e a “completa pasividade do goberno galego”.
De feito, recalca que a moratoria declarada recentemente non deu resposta a este problema. Ademais de que permite seguir plantando eucaliptos en montes con máis do 50% da súa superficie ocupada por esta especie, a asociación ecoloxista ADEGA denunciou que, dende que se implantou, foron plantados ilegalmente o equivalente a máis de 200 campos de fútbol.
A maiores, Arangüena lamenta que “o propio anuncio da moratoria motivou que durante meses se cortasen bosques autóctonos para substituílos por eucaliptos”.
DEREITO AO BOSQUE
Por outra banda, Pablo Arangüena enmarca esta proposta no dereito constitucional a un medio ambiente axeitado. Dentro deste, “non sería esaxerado falar dun dereito ao bosque, do cal gran parte da cidadanía galega, a que vive na costa e particularmente nas grandes áreas urbanas, estase vendo privado pola case imposibilidade de atopar un bosque nun estado de conservación axeitado no seu entorno inmediato”.
Ao fío disto, Arangüena defende que “cada cidadán de Galicia debería ter dereito a darse un paseo por un bosque autóctono sen necesidade de coller un coche e saír do seu concello”. Do mesmo xeito, “cada neno ou nena de Galicia debería poder ser levado pola súa nai, pai ou profesor a desfrutar dunha das maiores expresións da vida no noso planeta”.
De feito, apunta que “o bosque autóctono pode tamén servir como “bosque escola” ou escola de natureza, como xa se fai en moitos países do mundo e, en moita menor medida, tamén en España”.