O viceportavoz do Grupo Socialista, Pablo Arangüena, presentou hoxe as 40 propostas de Resolución dos socialistas galegos ao Debate do Estado da Autonomía que apuntan aos “problemas reais da cidadanía” e que foron plantexadas, dixo, con “máxima vontade de diálogo e consenso” cos outros dous grupos parlamentarios. As propostas dos socialistas galegos centraranse, dixo, en política industrial, políticas sociais, educación e sanidade, medio ambiente ou o reequilibro territorial.
O responsable socialista subliñou a vocación de acordo para “corrixir as eivas de 12 anos de políticas conservadoras baseadas na inacción e na inercia”, por moito que Feijóo “nos pinte unha Galicia feliz que só existe na propaganda oficial”. Censurou o “rodillo parlamentario” que leva ao PP a “confundir o que é o diálogo cun trágala” dun partido que “está cada vez máis radicalizado, cun discurso máis propio dunha competición con Vox que dun centro dereita civilizado”.
Presentou un Pacto pola Industria para salvar a crise industrial con “empresas que pechan e un goberno que non fixo nada en 12 anos máis alá do fiasco de Pemex”, que inclúe converter ao Igape nun verdadeiro instrumento de promoción económica e consensuar os proxectos aos fondos Next Generation. Advertiu que Feijóo “agora ten que afrontar a oportunidade que representan os fondos europeos sen unha traxectoria de política económica e industrial activas”.
As propostas socialistas inclúen a corrección do déficit en política social cun investimento progresivo ata acadar a media estatal, reforzando os equipos de valoración de discapacidade, mellorando as políticas de atención á dependencia ou impulsando un novo modelo residencial e de coidados ás persoas maiores. Reclamou superar as eivas do modelo do PP, que destapou a pandemia, revelando o “escándalo de empresas como DomusVi de amigos do PP”.
Propuxo “o reforzo da Atención Primaria, dando estabilidade laboral ao persoal sanitario, porque a sanidade pública está deteriorándose despois da pandemia e dunha década de recortes”, así como o reforzo da educación pública “para deixar atrás os problemas de falla de profesorado que se amosan en tantos centros educativos de Galicia neste inicio de curso”.
Lembrou que Galicia está “á cola do Estado en política medioambientais e de ordenación do territorio” e propuxo declarar a emerxencia climática, unha proposta aprobada en 2019 que o goberno galego segue a incumprir. Reivindicou unha “estratexia de renaturalización de Galicia que se centre na contaminación dos nosos ríos e rías, a protección do bosque autóctono, a protección real da Rede Natura e un novo modelo de xestión de residuos que supere o de Sogama.
Tamén inclúen unha Axencia de Desenvolvemento Rural independente, así como “medidas de dinamización do medio rural, incluíndo medidas contra a exclusión financeira” provocada pola supresión de oficinas bancarias nos núcleos habitados do rural.
O Grupo Socialista presentou ademais unha proposta para instar á Xunta a “levar a cabo as actuacións necesarias para avanzar na asunción de novas competencias pola Comunidade Autónoma” a partir do Informe realizado pola propia Xunta para a Comisión Mixta de Transferencias en novembro de 2005.