Pide ao Executivo galego que remita ao Parlamento unha relación detallada dos expedientes administrativos correspondentes aos contratos formalizados entre as empresas do Grupo Eulen e a administración autonómica e as súas entidades dependentes
O voceiro de Transparencia do PSdeG no Parlamento de Galicia, Pablo Arangüena, vén de pedir explicacións á Xunta do “presunto trato de favor millonario” á empresa da que é alta directiva e apoderada a irmá de Feijóo. Fíxoo, hoxe, na Comisión de Institucional da Cámara galega, a través dunha pregunta oral ao goberno galego, cuxa contestación cualificou de “cortina de fume” ante a “falla de explicacións” por parte da Dirección Xeral correspondente.
Ao fío disto, o dirixente socialista pediu ao Executivo galego que remita ao Parlamento unha relación detallada dos expedientes administrativos correspondentes aos contratos formalizados entre as empresas do Grupo Eulen e a administración autonómica e as súas entidades dependentes dende que Feijóo se atopa á fronte da Xunta de Galicia.
“Terían sido en total 139 contratos dende 2009, a través de once consellerías e dezasete entidades da administración como o Sergas, Augas de Galicia, Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, CRTVG, Sogama ou as fundacións Semana Verde de Galicia, Deporte Galego e Cidade da Cultura. A estes, habería que sumar outros outorgados por concellos do PP”, explicou Arangüena, en referencia ás informacións publicadas nun medio de comunicación durante os últimos meses.
Segundo estas informacións, dende que goberna o PP de Feijóo, incidiu o socialista, “as adxudicacións da Xunta á empresa da irmá de Feijóo incrementáronse nun 360%” con respecto á lexislatura na que gobernaba Emilio Pérez Touriño, acadando os 37 millóns adxudicados ao grupo empresarial nos últimos 13 anos, o que supón un “aumento multimillonario”, que concretou en 25 millóns de euros.
HAI “INDICIOS DE ALGO MÁIS QUE UN TRATO DE FAVOR”
A isto, engadiu, “súmanse outra serie de indicios de algo máis que un trato de favor” como, exemplificou, un contrato adxudicado en 2019 ao Grupo Eulen polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar para a xestión de varios centros de día de atención a maiores e dependentes da comarca de Ferrol, no que o grupo empresarial “levouse o contrato cunha oferta que coincide ao céntimo coa doutra empresa competidora: 2.023.950,24 euros”.
“Non coincide nos millóns, nin nos miles nin nos euros, non, coincide nos céntimos de euro”, subliñou o socialista, o que significa, sinalou, “que unha das dúas empresas debeu saber con antelación a cifra que ofertara a outra empresa e a igualou porque alguén lle deu esa información privilexiada ou que ambas empresas pactaron presentar exactamente a mesma oferta”. “No primeiro caso, sería un delito e, no segundo, sería colusión para excluír a competencia, que é outra forma de corrupción”, sentenciou.
Doutra banda, incidiu, noutros casos “a empresa da irmá de Feijóo fai unha oferta económica case idéntica ao prezo de licitación, pero soamente cando non hai competidores porque cando hai competidores presenta un prezo máis baixo, o cal sería indicativo de que é informada de cando hai outras ofertas e cando non”.
Sumada a estas presuntas irregularidades, concluíu o socialista, “tamén hai contratos con Sogama que o Grupo Eulen se adxudica, a pesar de que a súa oferta está declarada polos técnicos como baixa temeraria”.