Reclama medidas para corrixir a situación e acusa ao goberno galego de “perseverar nos seus erros en prexuízo do interese público e en beneficio de intereses urbanísticos concretos”
O deputado socialista Pablo Arangüena reclamoulle hoxe á Xunta de Galicia asuma as súas responsabilidades polas dúas recentes sentezas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que anulan parte do trazado da Vía Ártabra ao seu paso por Cambre. Ao mesmo tempo, o parlamentario do PSdeG cuestionou ao goberno galego polas medidas que pensa adoptar para “enderezar esta grave situación”, froito dos erros administrativos e de xestión cometidos pola Xunta nos últimos 13 anos de goberno do Partido Popular.
Pablo Arangüena suscitou estas cuestións nunha interpelación á conselleira de Infraestruturas no pleno do Parlamento, ao que tamén asistiron representantes da plataforma de afectados da zona.
Neste escenario, Arangüena lamentou que, fronte estas sentenzas que “confirman o que moita xente viña denunciando desde hai anos”, a reacción do goberno galego sexa a de “botarlle a culpa a todo mundo e calquera cousa antes que recoñecer que están metendo a pata ata as cachas e que xa medio arrasaron o humidal da Gándara”.
Por iso, o parlamentario do PSdeG acusou á Xunta de “perseverar nos seus erros en prexuízo do interese público e en beneficio de intereses urbanísticos concretos, xusto o contrario do que deberían facer como administración”.
Na súa intervención, Arangüena explicou que as resolucións do TSXG anulan a aprobación do proxecto de trazado, o estudo de impacto ambiental e a aprobación do proxecto construtivo da Vía Ártabra en Cambre, o que “implica de feito a anulación de parte do trazado desta infraestrutura”. Trátase dun escenario que Pablo Arangüena cualificou de “grave” porque unha das resolucións xudiciais afirma, por exemplo, a Xunta aprobou o proxecto construtivo sen analizar previamente as alegacións presentadas e, polo tanto, sen telas en conta.
Fronte a este “revolcón e varapau xudicial por duplicado”, Pablo Arangüena esixíulle explicacións á Xunta e preguntou se o goberno galego vai modificar o trazado da Vía Ártabra ao seu paso por Cambre. “Lamentablemente”, sinalou o deputado socialista, “a resposta xa a anticipou onte a conselleira, quen para variar bótalle a culpa ao bipartito e a quen recorre”. “E non se atreve a botarlle a culpa ó Tribunal Superior de Xustiza, pero case”, engadiu.
Tamén lamentou que neste contexto a conselleira se atreva a dicir que “non vai admitir imposicións”. Cales son as que non admite”, preguntou, “as do TSXG e as da xustiza?”. Tras lembrarlle que “así é como funciona o Estado de dereito”, Arangüena indicou que “non lle queda outra que admitilas porque, se non o fai, haberá outras sentenzas que volverán tombar os seus actos administrativos”.
Ao fío disto, Pablo Arangüena recordou que o TSXG so entrou nos primeiros motivos alegados polo concello de Cambre, pero “quedan máis motivos que aínda non analizou e que analizará no futuro”. Por iso, o deputado do PSdeG anticipou que “é moi probable que, se vostedes fan o que parece que van facer, o Tribunal Superior volva declarar a nulidade”.
Lamentou que isto implicará retrasar aínda máis unha obra moi importante para A Coruña. Esa actuación leva case 20 anos en marcha e “non remata nunca”, malia que o PP “tivo 13 anos para rematala ou, se había algún defecto, para arranxalo”
Entre as cuestións que aínda non entrou a valorar o TSXG, Pablo Arangüena subliñou a destrución dun humidal como o da Gándara, do cal reivindicou o seu importante valor ecolóxico. Este espazo, reseñou Arangüena, figura como hábitat prioritario na normativa europea e como ben de interese cultural no catálogo da Xunta desde 1994.