O responsable de Política Institucional e viceportavoz do Grupo Socialista, Pablo Arangüena, denunciou hoxe o “panorama desolador” provocado polo incumprimento por parte da Xunta da normativa en materia de transparencia. O responsable socialista presentou unha pregunta oral en Comisión na que advertiu que a opacidade do goberno galego chega a niveis “inadmisibles” que afectan á calidade do sistema democrático.
Arangüena cualificou de “tomadura de pelo” as alegacións do goberno galego apelando á sobrecarga de traballo dun departamento que ten como única tarefa a compilación estatística, que debera estar “a un clic” de cumprir coa norma e que evidencia que en realidade ofrecen “escusas de mal pagador” para acumular “anos de retraso” no incumprimento coas súas obrigas.
Sinalou así que a Lei de Transparencia galega esíxelle á Xunta a publicación dun informe sobre o grao de cumprimento dos acordos aprobados no Parlamento que está sen publicar dende 2017. A Lei de Transparencia do Estado esixe ademais a publicación de datos estatísticos sobre a porcentaxe en volume orzamentario de contratos adxudicados a través de cada un dos procedementos, pero a día de hoxe “non figuran os datos sobre contratos de 2019 e 2020”.
A Lei de Procedemento Administrativo esixe ademais que as administracións publiquen anualmente un plan normativo que conterá as iniciativas legais ou regulamentarias previstas para o ano seguinte. A Xunta, dixo, publicou en 2017 un plan anual normativo e un informe sobre o seu grao de cumprimento, en 2018 publicou o plan pero non o informe, e “non publicou absolutamente nada en 2019 e 2020, probablemente polo seu escaso grao de cumprimento”.
Engadiu que o incumprimento palmario en materia de transparencia por parte da Xunta continúa coa “opacidade que amosa o goberno galego comezando polos proxectos aspirantes a recibir os Fondos Next Generation EU”. Sinalou que a día de hoxe “non sabemos nada máis do que din vostedes nas roldas de prensa de algo tan crucial como son os proxectos que se van presentar para competir por estes fondos”.
Mañá mesmo
Denunciou que estas informacións “de máxima relevancia para o control democrático do goberno de Galicia” sexan “ocultadas durante anos” por máis que “son informacións que teñen vostedes no seu poder e teñen decenas de milleiros de funcionarios e centos de asesores para recompilalas, cousa que poden facer mañá mesmo se lles da a gana”.
Con este panorama, dixo, resulta comprensible que o índice europeo de calidade de goberno elaborado pola Universidade de Gotemburgo e publicado recentemente sitúe a Galicia no posto 14 das 17 comunidades autónomas en materia de calidade de goberno, “moi por debaixo da media estatal”. Esta situación “da idea da aguda necesidade de mellora dunha administración que con demasiada frecuencia entorpece en lugar de dinamitar”.
Pablo Arangüena presentou esta iniciativa “cando onte mesmo o inspector xefe da UDEF Manuel Morocho relatou na investigación do Caso Kitchen como o PP tratou de mercar a súa vontade para apartalo do caso Gürtel, e rematou definindo o que fixeron vostedes como un auténtico e eficaz sistema de corrupción institucional”.