Critica a “práctica habitual” do Executivo galego de “dar a dedo” e prorrogar “todo tipo de contratos públicos”, a pesar de que o Consello de Contas e a Comisión Nacional de Competencia censuran este procedemento
O voceiro de Transparencia do Grupo Socialista, Pablo Arangüena, denunciou hoxe o “monopolio de facto” creado pola Xunta co servizo público da ITV en Galicia despois da nova prórroga da concesión, sen concorrencia competitiva, á mesma empresa que realiza o servizo dende hai 35 anos. Fíxoo, hoxe, na Comisión de Servizos da Cámara galega, mediante a presentación dunha pregunta oral ao goberno galego.
Neste marco, o dirixente socialista censurou a “práctica habitual” da Xunta de prorrogar “todo tipo de contratos públicos” e dificultar así a entrada no mercado de novas empresas, a pesar de que tanto o Consello de Contas como a Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia “veñen advertindo de que esta práctica é contraria ao libre mercado” e á que só debe recorrerse “como mecanismo verdadeiramente excepcional”, incluso cando se atope xustificada.
“Levamos coa mesma empresa 35 anos”, advertiu Arangüena, quen censurou que a Xunta non xustifique a excepcionalidade desta nova prórroga outorgada en febreiro de 2022 que permitirá á empresa Supervisión y Control (SYC), que ofrece o servizo en Galicia dende o ano 1987, continuar prestándoo ata 2027.
O goberno galego argumenta, incidiu, que o acordo para a prórroga permitirá rebaixar as taxas este ano nun 1,42%, pero “non fixo público o motivo para non convocar un novo concurso en busca de ofertas mellores”.
UN NIVEL DE DISCRECIONALIDADE PROPIO DUNHA “SATRAPÍA PERSA”
Con todo, Arangüena criticou que a Xunta de Galicia sexa a administración autonómica que máis procedementos a dedo contrata en España, incumprindo así o principio básico de libre concorrencia, o cal “demostra un nivel de discrecionalidade no uso dos recursos públicos propio dunha satrapía persa”, impropia dun sistema democrático, “aínda que a moita distancia do señor Baltar, campión mundial nesta materia”.
“Estas prácticas rebaixan e empeoran a calidade democrática” do noso sistema, subliñou Arangüena, quen lembrou que a Xunta “está obrigada a cumprir coa lei” e, polo tanto, a realizar as contratacións públicas a través de procedementos públicos en competitivos e abertos. “Sistematicamente incumpren unha obriga legal”, concluíu o socialista, polo que “chove sobre mollado”.