Lémbralle á Xunta que hai cando menos tres leis que lle obrigan a adoptar medidas para evitar os “reiterados” episodios de contaminación
O viceportavoz do Grupo Socialista, Pablo Arangüena, alertou esta mañá de “non pode permitirse nin un minuto máis situación de pasividade e desleixo” da Xunta ante o “grave problema ecolóxico” que supoñen os vertidos aos ríos Deza e Asneiro, “que levan décadas sufrindo episodios de contaminación reiterados”.
Neste contexto, Pablo Arangüena reclamóulle á conselleira de Infraestruturas que adopte as medidas necesarias para atallar un problema que “nunca foi solucionado pola administración autonómica a pesar de ter os medios, os fondos e a obriga de facelo”.
Lonxe diso, alertou de que os vertidos “están empeorando e acadando niveis desmedidos e esaxerados ante a pasividade da propia Xunta e do Concello de Lalín, onde están emprazados o parque empresarial e a depuradora dos que supón que proceden desde hai moitos anos”.
Este mesmo verán, relatou o deputado socialista, tiveron lugar “polo menos cinco vertidos perfectamente visibles, un dos cales provocou efectos en forma de escuma branca que cubría o río case por completo”. Este vertido chegou a apreciarse con nitidez á altura do couto de pesca de Ximonde, no río Ulla, e acabou desembocando “aínda perfectamente visible” na ría de Arousa. Ademais, dous destes episodios de contaminación foron denunciados, ademais, ante o Seprona e a Fiscalía pola asociación AEMS-Ríos con Vida e pola Sociedade Deportiva Río Deza no mes de agosto.
Pablo Arangüena explicou que último deses cinco vertidos tivo lugar o 1 de setembro, “pero a día de hoxe non coñecemos ningún resultado da investigación que debería terse levado a cabo en calquera país que tome en serio a situación dos seus ríos e do seu medio ambiente”.
En consecuencia, Pablo Arangüena advertiu que estes ecosistemas fluviais “estanse estragando de xeito constante” ata o punto de que “perderon a maior parte da riqueza piscícola e ambiental que tiñan no pasado”. Como exemplo disto, o vicevoceiro do PSdeG sinalou que os ríos Deza e Asneiro, ao igual que a totalidade dos ríos de Galicia, “experimentaron un drástico descenso na poboación de troitas na última década”.
A maiores, o parlamentario do PSdeG incidiu en que “o cambio climático provoca unha diminución do caudal dos nosos ríos, que agrava o problema ano a ano porque canta menos auga ten un río máis sensible é ante calquera episodio de contaminación.” En paralelo, advertiu que, ademais dos problemas ecolóxicos asociados á contaminación, “os ríos afectados proporcionan tamén auga para o consumo de distintas poboacións”.
Así, Pablo Arangüena lembroulle á conselleira de Infraestruturas que a Xunta de Galicia ten a obriga de protexer os ecosistemas fluviais de Galicia e que conta con, cando menos, tres leis para iso: a de pesca continental de Galicia, a de patrimonio natural de Galicia e a de protección ambiental de Galicia. “Contrariamente ao que parece considerar a Xunta”, explicou Arangüena, “estas leis non son de aplicación opcional para a administración, senón que impoñen obrigas concretas para garantir a nivel galego o dereito a un medio ambiente adecuado”.
“Cumpran e fagan cumprir vostedes as nosas leis e impidan a contaminación do Deza, do Asneiro, do Ulla e de todos os ríos de Galicia”, esixiu Pablo Arangüena.