O viceportavoz do Grupo Socialista, Pablo Arangüena, denunciou hoxe a “ineficacia e incompetencia” amosada pola Xunta na depuración das rías galegas. O responsable socialista presentou unha pregunta oral na Comisión de Medio Ambiente na que alertou de que logo de anunciar o investimento de 1.100 millóns de euros nunha década “os vertidos non paran de medrar”, ata un 23 por cento nos últimos 5 anos.
O responsable socialista criticou que mentres en 2011 fixaban o ano 2015 como obxectivo para conseguir o saneamento das rías, “o certo é que en 2015 había 1.296 puntos de vertido e no ano 2020 hai 1.596”. Explicou que 253 puntos de vertido detectados en 2019, o 16 por cento, excedían a carga contaminante permitida, e outros 57 tiveron que ser investigados por provocar impacto no entorno.
Isto supón “un enorme incremento da contaminación permitida”, e apuntou que, se este é o resultado de “riadas de fondos europeos”, cabe preguntar “se son vostedes uns mentirosos, uns incompetentes ou ámbalas dúas cousas”. Este é, dixo, o “balance desolador” da xestión “ineficaz” do goberno galego, que pasaba de anunciar en 2020 que ían captar 675 millóns de euros de fondos para o ciclo da auga, que en 2021 a conselleira cifraba en 110 millóns de euros da UE.
Desmentir a Feijóo
Pablo Arangüena censurou a “desfachatez” amosada polo presidente da Xunta ao falar da depuración das rías na sesión de control do Parlamento cuns datos que son “desmentidos pola información oficial de Augas de Galicia”. O presidente da Xunta dicía que a ría de Vigo estaba “saneada” e a de Arousa “practicamente saneada”, cando a realidade é que a primeira tiña 209 puntos de vertido con 23 puntos negros, e a de Arousa 444 puntos de vertido, dos cales 56 son puntos negros.
“Este é o nivel da trola que nos conta Feijóo no Parlamento”, dixo, que “queda desmentida flagrantemente polos propios datos de Augas de Galicia”. E todo iso, dixo, logo de anos nos que España recibiu multas millonarias da UE polo incumprimento das obrigas na depuración de augas, entre outras pola xestión do goberno galego.
As sancións polas infraccións en materia de saneamento e depuración, no seu momento polo tratamento de residuos líquidos en Santiago, Vigo e Ribeira, hoxe sitúan o foco na contaminación no eixo Pontevedra – Marín – Poio – Bueu, entre outros.
Ante esta situación, dixo, o goberno do Estado “está a tramitar o Plan Nacional de Depuración, Saneamento, Eficiencia, aforro e Reutilización, que xa completou o trámite de información pública, cun investimento estimado de preto de 10.000 millóns de euros nos próximos 18 anos, dúas terceiras partes correspondentes ás comunidades autónomas e unha terceira parte a Estado e concellos.