O vicevoceiro do Grupo Socialista anuncia que Gonzalo Caballero lle preguntará a Feijoo no vindeiro Pleno se vai rectificar as políticas de axuste aplicadas dende a anterior crise para impulsar a reactivación en Galicia
O vicevoceiro do Grupo Socialista, Pablo Arangüena, lamentou hoxe que os orzamentos da Xunta para o vindeiro ano non reflictan as políticas expansivas impulsadas dende o goberno de España e as Unión Europea. Neste senso, o parlamentario do PSdeG reclamou que o goberno galego “abandone o paradigma neoliberal e que cambie as políticas austericidas -das que Feijoo foi un alumno avantaxado- cara un novo modelo que é máis keynesiano e máis expansivo”.
Así, Pablo Arangüena lembrou que, dende que comezou a crise da covid, chegaron máis de 1.800 millóns de euros adicionais para facer fronte á pandemia e ao deterioro económico. Froito desas achegas adicionais, a Xunta ten máis fondos e, polo tanto, “debe empezar a poñer os cartos onde os ten que poñer: no aumento do gasto, no reforzo dos servizos sanitarios e no estímulo á economía e aos sectores afectados pola pandemia”, entre outros.
FEIJOO DEBE RECTIFICAR OS AXUSTES PARA IMPULSAR A REACTIVACIÓN
Precisamente, Pablo Arangüeña anunciou hoxe -tras a reunión da Xunta de Portavoces- que Gonzalo Caballero, empregará a sesión de control do vindeiro Pleno do Parlamento para preguntarlle a Feijoo se vai rectificar as políticas de axuste aplicadas dende a anterior crise para impulsar a reactivación de Galicia.
Arangüena lembrou que as políticas impostas pola Unión Europea en 2008 “foron definidas como austericidio e duramente criticadas por afondar na crise e causar un sufrimento social que puido terse evitado”. Agora, tras “o cambio de paradigma económico que impulsou políticas expansivas”, o Grupo Socialista lamenta que Feijoo siga nun “modelo superado” e que “cando ten máis diñeiro que nunca polas transferencias do estado e da UE, siga a meter os cartos no colchón. “Ese”, proclamou Pablo Arangüena, “non é o camiño para reactivar a economía tras unha crise tan fonda como a do ano pasado”.
FEIJOO SEGUE SEN CONDENAR O ATAQUE MACHISTA A CARMELA SILVA
Por outra banda, de cara ao vindeiro Pleno do Parlamento, o Grupo Socialista tamén presentará unha pregunta urxente sobre á condena ao alcalde de Vilanova polas súas “descualificacións machistas cara Carmela Silva”. Arangüena indicou que “esas declaracións foron implicitamente secundadas polo presidente da Xunta e pregúntamonos se Feijoo vai seguir sen condenar ese ataque machista impropio dun político democrático nunha sociedade avanzada”.
A maiores, o PSdeG tamén fará unha interpelación sobre o motivo polo que a Xunta non publica nin facilita a información de contaxios e falecementos por covid na súa páxina web. A este respecto, Arangüena denunciou a “falta de transparencia indigna dun goberno democrático” e cualificou de “manipulación descarada” que o goberno galego “presuma de ter uns datos excelentes en algo tan sensible como as cifras de mortes”.
Ademais, o Grupo Socialista presentará unha moción sobre a xestión dos encoros en Galicia. O vicevoceiro socialista lembrou que, tras os episodios de seca deste verán, o presidente da Xunta “mentiu ao dicir que a Xunta non fóra informada polas empresas concesionarias, cando ao día seguinte se publicaron os correos de Iberdrola que evidenciaron esa mentira”. Ademais, Arangüena incidiu en que a Xunta “segue sen aplicar a lexislación galega, con tres Leis que lle permiten adoptar medidas para impedir danos medioambientais”.
Tamén irá a Pleno outra moción do PSdeG sobre a elaboración dun plan de defensa e conservación do noso patrimonio e un observatorio galego do patrimonio.
A XUNTA DEBE IMPULSAR POLÍTICAS DE EMPREGO MÁIS EFICACES
A orde do día do Pleno incluirá ademais unha proposición non de Lei sobre a necesidade de impulsar políticas de emprego máis eficaces nun contexto no que en Galicia baixa o emprego mentres sube no resto de España.
Nesta liña, Arangüena reclamoulle a Feijoo que “deixe de retorcer os datos en medio da crise industrial máis grave en moito tempo e se poña a facer políticas de emprego eficaces e a aproveitar os fondos para políticas activas de emprego, que o goberno da Xunta non utiliza en máis dun 50 por cento”.
O PSdeG tamén presentará unha proposición non de Lei sobre a reversión ao sistema público da xestión e titularidade do servizo de ambulancias. Dende que foi concesionado, este servizo “presenta problemas legais e laborais constantes e un deterioro da súa calidade”.
A maiores, tamén se realizara unha pregunta sobre a contaminación nos ríos Deza e Asneiro, “que leva producíndose décadas e agravándose nos últimos anos ata chegar aos cinco episodios deste verán”. Pablo Arangüena sinalou que “a Xunta está permitindo coa súa inacción que se deteriore un espazo de elevado valor ecolóxico mentres fai propaganda verde”. “Isto”, concluíu Arangüena, “non é máis que unha manifestación do que pasa nos ríos e rías de toda Galicia ante a pasividade da Xunta, que gasta os fondos que recibe do Estado e da UE en facer propaganda e non en combater a contaminación”.
Por último, tamén se suscitará unha pregunta sobre a cobertura dunha praza de traballadora social no colexio Saladino Cortizo de Vigo, que ten moitos alumnos e alumnas con necesidades especiais que precisan desta traballadora.
Saúdos, Comunicación PSdeG-PSOE