O vicesecretario xeral do PSdeG, Pablo Arangüena, criticou hoxe na Coruña que a Xunta só consigne 20 millóns de euros para o Chuac nos seus orzamentos para o ano que vén, dos 420 millóns que require a obra.
“A este paso, a ver se acaba en 2040”, incidiu o dirixente socialista, non sen recordar que o Chuac é o hospital de referencia para a cidadanía de 37 concellos da contorna coruñesa.
Fronte a esta falla de compromiso da Xunta coa Coruña, que se comproba no feito de que nos últimos catro anos só fixo unha pasarela peonil na cidade, Arangüena puxo en valor as inversións “históricas” contidas nos Orzamentos Xerais do Estado.
A xeito de exemplo, enumerou a rebaixa nas peaxes da AP-9, dotada con máis de 60 millóns de euros; a pasarela de Pedralonga, que supón a primeira fase da ampliación da avenida de Alfonso Molina; e os 24 millóns de euros consignados para o saneamento da ría do Burgo que se sumarán a outra partida idéntica para concluír as obras o ano que vén.
Ao fío disto, Arangüena anunciou iniciativas parlamentarias para que a Xunta, “que non pon un céntimo de euro para rexenerar a ría”, asuma a compensación das 70 mariscadoras que non poderán traballar nesa zona mentres duren os traballos. “É a súa competencia”, remarcou.
Así pois, concluíu que os orzamentos do Estado, que veñen de ser aprobados no Congreso, son “bos para A Coruña e para a súa comarca”, a diferenza do que ocorre coas contas da Xunta.
ANÁLISE ORZAMENTARIA
No contexto de Galicia, o vicesecretario xeral do PSdeG subliñou que o BNG quedou no Congreso como “a única forza progresista” que non apoiou os orzamentos do Estado, votando coa dereita e a ultradereita.
Nun momento “extraordinario” por mor da pandemia e tras dous anos cuns orzamentos prorrogados, recordou, estes orzamentos recibiron o apoio de ata 11 partidos por seren “os de maior gasto social e os máis expansivos” para facer fronte ás consecuencias sociais, sanitarias e económicas da covid.
Precisamente por iso, subliñou Arangüena, Galicia “vese favorecida” pola aprobación destas contas, dada a súa maior dependencia do gasto social. Citou a modo de exemplo a suba das pensións por riba do IPC, que incide especialmente na nosa comunidade por ter unha proporción máis alta de pensionistas.
Ademais, remarcou que as inversións en Galicia que inclúen estes orzamentos sitúan a media de gasto por galego en 308 euros, moi por riba da media do Estado, con 258 euros por persoa, ou de comunidades como Madrid, Cataluña, Valencia ou Andalucía.
“Os orzamentos do goberno de Pedro Sánchez son positivos para Galicia”, asegurou o responsable socialista, quen contrastou a perda de peso relativo da sanidade e a educación nas contas do goberno de Feijóo, así como a nula colaboración con concellos que se reflicte nese documento orzamentario.