Lamenta que o secretario xeral de Emigración fose incapaz de aclarar a cales dos 14 obxectivos da Lei galega de acción exterior responde esa iniciativa, que ademais non dá resposta ás “inxentes necesidades” da comunidade galega no estranxeiro
O deputado do Grupo Socialista Pablo Arangüena denunciou hoxe que a Xunta de Galicia vaia financiar con 20.000 euros de cartos públicos a instalación dun cruceiro de pedra en Miami. Trátase, alertou, dun gasto inxustificable en plena época de crise e cando “hai necesidades máis prioritarias e crecentes que atender” para a comunidade galega do estranxeiro.
Ao mesmo tempo, o parlamentario do PSdeG evidenciou que a iniciativa non responde a ningún dos 14 obxectivos que recolle a Lei galega de acción exterior e que atenta contra os principios constitucionais de obxectividade, eficacia e eficiencia no gasto público, polo que “estamos ante unha decisión arbitraria da Xunta”. Nesta liña, lamentou que o secretario xeral de Emigración fose incapaz de aclarar a cal dos obxectivos da acción exterior galega responde o gasto de 19.500 euros para instalar ese cruceiro en Miami.
Fronte a isto, Arangüena sinalou que “a nós parécenos de sentido común que o goberno galego debe evitar a realización de gastos no exterior que non teñan a clara finalidade de atender aos obxectivos económicos, culturais e asistenciais da acción galega exterior, tal e como aparecen definidos na lei galega de acción exterior e na Estratexia galega de acción exterior”.
Neste contexto, Pablo Arangüena preguntoulle hoxe á Xunta, na Comisión Institucional do Parlamento, de que maneira vai contribuír esta iniciativa a mellorar a vida dos galegos e galegas que residen fóra ou, de ser o caso, dos que residen en Galicia. “Para que vai servir ese cruceiro”, inquiriu sen obter resposta por parte do secretario xeral de Emigración, “que obxectivo da acción exterior de Galicia vai satisfacer?”
Por iso, Pablo Arangüena incidiu en que cando un xestor público decide que vai gastar 20.000 euros na instalación dun cruceiro no estranxeiro “ten que ter moi claro que eses cartos non estarían mellor investidos en atender as necesidades sanitarias, económicas ou sociais da comunidade galega no exterior”. De igual maneira sinalou que “estarían mellor gastados en apoiar a actividade comercial das empresas galegas no exterior” ou, incluso, “en atender as necesidades de Galicia e dos galegos e galegas que viven na nosa comunidade”.
Ademais, Arangüena lembrou que os recursos públicos son limitados e as necesidades da comunidade galega no exterior son “inxentes e incrementadas moi notablemente pola crise sanitaria e económica asociada á covid”. Por iso, avogou por “aliñar as necesidades cos recursos existentes e xustificar que necesidades e recursos están aliñados”. Iso, precisamente, é o que non acontece no caso da instalación deste cruceiro en Miami.
Por iso, o deputado socialista insistiu en saber, sen éxito, en base a que argumentos obxectivos decidiu a Xunta financiar esta iniciativa. “Como adopta a Xunta de Galicia estas decisións? Levántase algún responsable da Xunta un día pola mañá e decide que vai poñer un cruceiro en Miami? Tendo en conta o carácter relixioso desa escultura hai algún tipo de inspiración divina na toma desa decisión?”, foron algunhas das cuestións que ficaron sen resposta.
A maiores, Pablo Arangüena incidiu en que nin sequera a explicación de que Miami é “unha cidade moi turística” xustifica esta instalación. “Hai decenas de cidades turísticas no mundo”, lembrou o parlamentario do PSdeG, “así que agardamos que non poñan un cruceiro en cada unha delas porque entón habería que montar unha fábrica de cruceiros”.
Por outra banda, fronte ao argumento de favorecer a actividade comercial, Arangüena preguntou se a Xunta ten pensado montar algún tipo de posto de venda ao pé do cruceiro e que van vender. Ironizou sobre o feito de que “o normal nun parque urbano de Miami é vender perritos calientes, xeados ou hamburguesas” pero iso “non forma parte da nosa identidade e non parece que vaiamos exportar nada diso, agás que repartan callos”.
A maiores, Pablo Arangüena advertiu que “non vai contribuír a manter a identidade cultural da comunidade galega en Miami”, para o cal “sería moitísimo máis barato plantar unha árbore”, nin tampouco axudar a que veñan turistas Galicia. Neste senso, preguntou se a xente que pase polo parque e vexa o cruceiro se verá motivada para vir a Galicia. “Por que motivo?”, cuestinou, “ten algún poder sobrenatural ese cruceiro para producir ese efecto? Creen vostedes nos poderes sobrenaturais?”