Denuncia “o desleixo e o negacionismo encuberto” das políticas públicas do goberno galego en materia medioambiental
O voceiro de Medio Ambiente do Grupo Socialista, Pablo Arangüena, evidenciou hoxe que a Xunta non ten ningún plan específico para a mellora do estado ecolóxico das áreas urbanas de Galicia, nas que vive máis da metade da poboación de Galicia.
Trátase, en palabras de Arangüena, dun exemplo máis de que “Feijoo ten o medio ambiente e a transición ecolóxica como a última das súas prioridades e unicamente lle interesa facer campañas de propaganda verde”. Neste contexto, incidiu ademais en que “a renaturalización das cidades de Galicia debería ser unha prioridade”, pero, en realidade, “é unha asignatura pendente nas políticas da Xunta”.
Así, nun escenario no que as políticas ambientais do goberno galego están definidas pola súa “escaseza de ambición, por un aberto negacionismo e por un abundante ecopostureo”, no caso das cidades “o problema faise aínda máis acusado ante o escapismo competencial dun goberno de Galicia que dá as costas ao escenario urbano alleo ó seu control”. E iso, subliñou Arangüena, a pesar de que “as competencias en materia medioambiental da Xunta esténdense a toda Galicia, con independencia do seu carácter urbano ou rural”.
Na súa intervención na Comisión de Medio Ambiente do Parlamento, Pablo Arangüena lembrou que as cidades concentran máis de metade da poboación de Galicia e insistiu en que as políticas medioambientais nelas “son estratéxicas porque benefician a unha cidadanía que está moi concentrada en espazos pequenos”.
A maiores, o deputado socialista lembrou que “as accións e políticas públicas tendentes a mellorar a ecoloxía urbana son esenciais e especialmente efectivas para facer fronte ao cambio climático, ao colapso global dos ecosistemas e á mellora da calidade de vida da maior parte da humanidade”. “No ámbito urbano”, resumiu, “xógase o futuro verde do noso planeta”.
Por iso, nun contexto no que “non existe unha política medioambiental impulsada desde a Xunta para as cidades de Galicia”, Pablo Arangüena instou ao goberno galego a impulsar un plan de renaturalización das áreas urbanas de Galicia, dotado cun orzamento axeitado para financiar, total ou parcialmente e en colaboración coas administracións locais, iniciativas e actuacións que serían altamente estratéxicas.
Entre esas accións, citou un aumento de zonas verdes -incluíndo a plantación de arborado autóctono-, a redución da contaminación de todo tipo ou a mellora do ciclo da auga. Tamén o impulso da eficiencia enerxética, a mitigación e adaptación ao cambio climático, a protección e fomento da biodiversidade ou a educación ambiental.
Fronte a isto, Pablo Arangüena insistiu de que “as políticas publicas do goberno galego en materia medioambiental están caracterizadas polo desleixo e o escapismo competencial”. Nesta liña sinalou que “como en Galicia xa coñecemos a Feijóo, alguén ten que explicarlle á cidadanía española a xoia que vai dirixir o PP a nivel nacional: un negacionista climático e medioambiental encuberto e un propagandista verde que en materia medioambiental presenta un balance desolador”.
Como exemplos máis evidentes disto, Pablo Arangüena recordou que temos “a Rede Natura máis pequena e peor protexida de España” ou unhas rías “que teñen un problema de contaminación crónico, con 12 zonas clasificadas como zonas C nas que está prohibido mariscar polo nivel de contaminación”.
A maiores, subliñou que só existen 3 plans de recuperación para as 201 especies ameazadas que hai en Galicia -das cales 75 están en perigo de extinción- e contamos cunha rede de humidais “completamente desprotexida”. A isto sumoulle a substitución acelerada do bosque galego por un eucaliptal, “que xa se produciu en gran parte de Galicia co impacto que iso ten sobre a biodiversidade”.