“A nosa posición é ben clara, eólica si, pero non así”. Así resumiu hoxe o portavoz de Medio Ambiente do Grupo Socialista, Pablo Arangüena, a súa intervención para defender unha proposición non de Lei que presentou en Comisión para garantir o control medioambiental dos novos parques eólicos que o PP rexeitou para “defender os intereses das súas empresas amigas”.
O responsable socialista presentou unha proposta “sensata, razoada e razoable” que pasa pola paralización dos proxectos de enerxía eólica en zonas de ampliación da Rede Natura 2000, e someter o Plan eólico en vigor, do ano 97, á avaliación ambiental estratéxica obrigatoria dende 2006. Mentres isto non se producira, pediu maximizar o rigor nas avaliacións ambientais dos proxectos en desenvolvemento, e aumentar a distancia das instalacións respecto das vivendas.
O PP rexeitou todos e cada un destes puntos, que o propio Arangüena mesmo ofreceu votar por separado para que puideran apoiar algún deles, polo que os acusou de “estragar o territorio de Galicia en beneficio duns cantos dos seus amigos”. Criticou que “non lles vale nada” para protexer o medio ambiente na próxima década na que pretenden máis que duplicar a potencia eólica instalada actualmente, ata chegar a uns 4.500 MW novos.
Alertou fronte ás “triquiñuelas” destes novos parques, que son fraccionados en subproxectos de menos de 50 MW para evitar que o Estado entre a facer a declaración do impacto ambiental, cunha “enorme proliferación” de novos parques que está a xerar “gran inquedanza, conflitividade social e medioambiental”.
O parlamentario socialista sinalou que “somos partidarios da eólica, pero avogamos por un novo modelo para Galicia que supere as eivas do que temos actualmente, que minimice os efectos medioambientais e sociais e maximice os beneficios para o país”.
Acusou ao PP de “mentir” cando sinala que o goberno de Touriño autorizara parques en Rede Natura, cando “saben que eran parques xa tramitados por Fraga”, e lembrou que foi o goberno socialista o que excluíra estes proxectos das zonas protexidas. O goberno de Feijóo, lembrou, foi o que tumbou o plan eólico do goberno de Touriño nunha decisión que foi contestada tanto polo TSXG como polo Supremo, constatando xudicialmente que actuara con “desviación de poder”.