O viceportavoz do Grupo Socialista, Pablo Arangüena, acusou hoxe á Xunta de poñerse de perfil” diante do peche do centro operativo de Naturgy en A Coruña. Así o dixo durante unha concentración cos traballadores da antiga Fenosa que se concentraron hoxe ás portas do Parlamento de Galicia.
Arangüena considera “inadmisible que a Xunta non exerza as súas capacidades para convencer á empresa de que da marcha atrás no último peldaño da súa deslocalización de Galicia”. Criticou que o goberno galego teña feito caso omiso do mandato parlamentario, que o 3 de marzo aprobaba por unanimidade unha iniciativa socialista esixíndolle “todas as medidas ao seu alcance para evitar o traslado a Madrid do centro operativo da rede Norte de Unión Fenosa Distribución”.
Lembrou que a Xunta de Galicia dispón das competencias en materia de Política Industrial, que se teñen traducido nunha lamentable “falla de política industrial”, derivando na “deslocalización” e “perda de galeguidade” das empresas de Galicia.
O responsable socialista sinalou que a empresa “non só ten parte da súa orixe en Galicia, senón que obtén beneficio das decenas de encoros que ten en Galicia, ademais dos 17 parques eólicos xa instalados e outros 30 proxectados pola que é a primeira distribuidora eléctrica de Galicia”. Esixiulle á Xunta que “pida máis responsabilidades” á empresa, cando “Galicia para Naturgy é un choio” porque ten na nosa terra “un dos seus principais mercados”
Lamentou que “das aproximadamente 300 persoas que traballaban neste centro hai unha década, agora só quedan arredor de 70, tras un desmantelamento progresivo dos centros de traballo” e, agora, o traslado do centro a Madrid “pode implicar a perda de 28 postos de traballo máis”.
O vicevoceiro do Grupo Socialista alertou de que “a que aínda é a principal subministradora de Galicia non vai ter xa a capacidade operativa en Galicia para atender os frecuentes apagóns do inverno”, co que instou ao goberno galego a “obrigar á empresa a garantir a calidade do subministro eléctrico” en toda a comunidade, xa que “dá servizo a case 2 millóns de puntos de subministro en Galicia”.