Subliña que Galicia é a segunda comunidade de todo o Estado con maior número de bens inmatriculados e concentra a maior proporción de bens que non teñen uso eclesiástico
O deputado socialista Pablo Arangüena lamentou hoxe que a Xunta non vaia adoptar ningún tipo de medida para investigar se a inxente cantidade de propiedades inmatriculadas pola Igrexa católica en Galicia ao abeiro da reforma hipotecaria do goberno Aznar lle pertencen lexitimamente ou se so son froito do “sistema de privilexios inconstitucionais” que se lle concedeu durante anos.
Arangüena levou esta cuestión á Comisión Institucional do Parlamento, onde lamentou que a directora xeral de Relacións Institucionais viñese a “facer de avogada defensora da Igrexa para xustificar estes privilexios” e dicir que non pensa facer “absolutamente nada”. “Non sei se aspira a que lle dean un cargo na xerarquía católica”, ironizou, “aínda que o vexo difícil tendo en conta a consideración que das mulleres teñen na Igrexa”.
Ademais, apuntou que “pola súa resposta parece que non é problema seu, a pesar de que teñen competencias de todo tipo no Estatuto de Autonomía, en materia de vivenda ou en materia urbanística”. A maiores recordou que “teñen os medios e as capacidades, malia que nin se molestaron en analizar unha información que se fixo pública a instancia dun goberno progresista que invitou ás institucións a facer esa análise desde cada territorio, porque é cada territorio o que pode e debe coñecer as peculiaridades da situación concreta de cada inmoble”.
Na súa intervención, Pablo Arangúena puxo de manifesto que Galicia lidera, xunto con Castela e León, o volume das inmatriculacións da Igrexa en España. En concreto, entre 1998 e 2015 rexistrou ao seu nome 7.131 bens, “é dicir, un de cada cinco corresponden á nosa Comunidade”. “Isto”, subliñou Arangüena, “dá mostra da importancia desta situación” tendo en conta que “con menos do 6 por cento da poboación, en Galicia producíronse o 20 por cento das inmatriculacións realizadas en toda España”.
A maiores, Arangüena incidiu en que dentro deses 7.131 hai 2.747 templos. “O resto, 4.384 bens, o 61,5 por cento”, matizou, “son pisos, fincas, aparcamentos e outro tipo de bens inmobles que non están directamente relacionados coa actividade relixiosa e que se atopan diseminados por todo o territorio galego”. “Esta cifra é a máis elevada entre todas as comunidades autónomas”, enfatizou.
Neste escenario, o parlamentario do PSdeG afirmou que “é a responsabilidade da Xunta atender un problema que é de ámbito galego”. Defendeu que dende a administración autonómica se poden “facer moitas cousas, como analizar a situación dos inmobles, asesorar ou incluso actuar directamente en determinados casos nos que teñan lexitimación”.
Nesta mesma liña, Pablo Arangüena lembrou que dos 35.000 bens inmatriculados en toda España, a Igrexa xa recoñeceu que un milleiro non lle pertencen. “Isto implica”, sinalou, “que case un 3 por cento do total son irregulares”, aínda que a Igrexa “en ningún momento utiliza este termo limitándose a sinalar que ese milleiro son bens que pertencen a outras persoas ou non lles consta que sexan seus. “Isto so é”, matizou, “un recoñecemento por parte da Igrexa pero, a partir de aí, ábrese a posibilidade de reclamar polas vías legais procedentes os bens que se considere que non foron correctamente inmatriculados”.
Arangüena enmarcou esta situación no íntimo vencello que ten a Igrexa co entramado estatal dende o franquismo. Así, dende o ano 1946, “puido desfrutar dun privilexio impropio dun país civilizado: que os bispos católicos se considerasen fedatarios públicos e puidesen inmatricular directamente os seus bens”.
“Isto implicou”, engadiu, “que decenas de milleiros de bens se inscribisen ao seu favor durante décadas”. Ademais, este privilexio inconstitucional mantívose durante a democracia e foi reforzado polo goberno de Aznar “ata que a xustiza europea mandou parar no ano 2015”.
Froito desa “posición privilexiada que constitúe un atentado contra o estado de dereito”, concluíu Arangüena, “a Igrexa é hoxe o maior propietario inmobiliario de España e tamén o maior propietario inmobiliario de Galicia”.