Xoaquín Fernández Leiceaga apunta á “resistencia dos actores da política forestal” a aceptar o cambio na política de incendios
Considera “triste” que o propio Feijóo se recoñeza incapaz de cumprir coa limpeza dos seus montes particulares
O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, responsabilizou hoxe ao goberno galego e sinaladamente ao PP polo retraso nos traballos da Comisión de Estudo sobre a Política Forestal. O responsable socialista lembrou que o PP vetara incluír máis comparecencias para que as conclusións estiveran listas antes do verán, pero a ponencia leva todo maio sen reunirse.
Fernández Leiceaga apuntou á “resistencia dos actores da política forestal e de incendios a aceptar o cambio” como posible explicación para que este órgano estea paralizado e instou ao goberno galego a “desmentir esta hipótese cos feitos”. Apelou a un acordo para encetar un cambio de fondo na política de incendios, pero “non estamos dispostos a aceptar retoques cosméticos”.
O responsable socialista explicou a desconfianza na verdadeira intención da Xunta lembrando os “obxectivos ambiciosos” incluídos na Lei de Acompañamento, relativos á limpeza das faixas de protección, ou á protección de núcleos residenciais, pistas e estradas. Estes, sen embargo, adoeceron de “medios insuficientes” por parte do propio goberno.
Criticou que o goberno busque “chivos expiatorios” nos concellos, aos que sobrecargan de obrigas relacionadas coa prevención de incendios que en realidade son “moi difíciles ou imposibles de cumprir” mentres estean “asfixiados por Montoro”. A regra de gasto impide contratar un persoal imprescindible para acometer a obriga de limpar as faixas antes de que remate maio mentres acumulan superávit nas arcas municipais.
A conclusión é que “a vella política de prevención de incendios forestais segue estando vixente” provocando o “incumprimento das normas e a discrecionalidade da administración autonómica”. En realidade, explicou, a Xunta “nin cambiou os métodos, nin lle concedeu máis recursos aos concellos nin encetou campañas eficaces de concienciación” para impulsar a prevención.
Fernández Leiceaga lembrou a proposta dos socialistas galegos, presentada no último debate da Lei de Acompañamento, para constituír unha Axencia autonómica cen por cen pública que se responsabilice de viabilizar o cumprimento das obrigas de prevención en colaboración cos concellos. Propuxo así establecer normas de cumprimento progresivo, priorizando as zonas de alto risco de incendios.
Cumprir coa limpeza
O responsable socialista lamentou que o propio presidente da Xunta se teña confesado incapaz de cumprir en primeira persoa coa norma do goberno galego que obriga a limpar os montes antes do remate de maio. Considera “triste” que recoñeza que non pode cumprir a súa propia normativa.
Fernández Leiceaga relacionou esta actitude coa do propio director xeral de Montes, que hai un ano recoñecía que nin sequera a Xunta estaba en condicións de executar a súa propia normativa en materia de Montes, o que suscitou a petición de dimisión por parte dos socialistas galegos.