A portavoz de Xustiza do Grupo Socialista, Patricia Vilán, reclamou o reforzo das medidas xudiciais contra a violencia de xénero ao amparo do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. Vilán interveu na comparecencia do Fiscal Superior de Galicia –que presentou hoxe no Parlamento o informe de 2018- para sinalar que “garantir a protección das vítimas e atendelas como corresponde nas dependencias xudiciais debe ser cuestión prioritaria”.
A responsable socialista advertiu que a Xunta só executou “parcialmente” os 8 millóns de euros de orzamento procedente do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero en 2018, cando Galicia é a Comunidade Autónoma que percebe máis fondos pola súa ruralidade. Explicou que se ben daquela quedaron sen executar boa parte dos fondos porque foron transferidos en outubro, a día de hoxe “non sabemos que pasou cos fondos que non foron gastados”.
Criticou o desleixo da Xunta cando o 73 por cento dos asasinatos teñan lugar en poboacións de menos de 100.000 habitantes, segundo o informe do CGPX. Reclamou o “achegamento dos recursos dos xulgados específicos aos domicilios das posibles vítimas”, polo que reclamou “ampliar o número de Xulgados de Violencia contra a Muller, ademais da comarcalización dalgúns servizos propios destes Xulgados, as Oficinas de Atención ás Vítimas e a Policía Xudicial”.
Tamén pediu implementar no Imelga o informe de Valoración do Risco de Novas Agresións e do Risco Vital nos casos de violencia machista como complementario dos realizados polas forzas e corpos de seguridade do Estado “para facilitar ao órgano xudicial a decisión sobre as medidas cautelares e de protección da vítima”.
Patricia Vilán puxo ademais o acento no incremento da violencia de xénero entre menores, que pasou de 5 casos en 2014 a 20 en 2017 e ata 40 detectados en 2018, mentres as agresións sexuais aumentaron de 55 a 73 entre 2017 e 2018 e os casos de violencia intrafamiliar pasaron de 215 a 238. Ademais, os delitos incoados por trata de seres humanos pasaron de 2 en 2017 a 33 en 2018, mentres que dun total de 95 vítimas, 92 o foron con fins de explotación sexual.
A parlamentaria socialista criticou que o goberno galego tan só destine 70.000 euros ás novas oficinas Xudicial e Fiscal para 2020, e sinalou que o último aumento do persoal orgánico do Ministerio Fiscal remóntase a unha praza convocada no ano 2015, mentres só hai un fiscal por cada 18.550 galegos e galegas.