Julio Abalde: “O sector necesita políticas constantes, unha aposta decidida e unha senda de financiamento clara”
O deputado socialista alertou de que, en vez de converxer co resto de España, a fenda de gasto pasou de 99 euros por habitante a 110 cos gobernos de Feijoo e Rueda
O deputado do PSdeG Julio Abalde reclamoulle hoxe á Xunta un impulso real e decidido ao sector galego da I+D, que “medra menos que no resto de España e, por tanto, afástase da converxencia”. O parlamentario socialista sinalou a caída do investimento durante os gobernos do PP entre o 2010 e o 2018 como causa dun problema que, en parte, comezou a se reverter coa chegada de Pedro Sánchez ao Goberno central, cun “salto” que tivo continuidade a través dos fondos europeos a partir do 2020.
Na súa réplica ao conselleiro no pleno da Cámara autonómica, afirmou que “a ciencia ten que estar no centro de todas as políticas”. Porén, censurou a falta de ambición da Xunta. “Os proxectos que trae hoxe aquí son só unha pequena evolución do que xa había”, reprochoulle a Rodríguez.
Abalde repasou a evolución do gasto per capita en ciencia desde que o Partido Popular goberna. A diferencia respecto da media estatal situábase en 2019, en 99 euros. E no 2023 era xa de 110 euros. A fenda, por tanto, aumenta. E con respecto ao País Vasco pasa de 404 euros de diferenza de menor financiamento a 594 euros per capita dedicados a I+D no 2023.
O deputado socialista defendeu que Galicia xa dispón “dun bo ecositema de I+D”, pero “o sector necesita políticas constantes, unha aposta decidida e unha senda de financiamento clara”. Apuntou tamén que o mellor xeito de potenciar o talento galego “é axudar ás universidades e aos centros de investigación vinculados a elas”. “O único que teñen que facer é apoiar ao sistema”, insistiu, e avogou por unha lei de ciencia que “salvagarde os fondos dedicados a ciencia dos vaivéns económicos e políticos”.