Advirten á Xunta de que a súa “cerrazón” e “inmobilismo” están causando “serios inconvenientes ao conxunto da cidadanía”
Santiago, 16 de febreiro de 2018. Os socialistas galegos, que están prestando o seu apoio ás “lexítimas” reivindicacións laborais dos funcionarios de Xustiza en Galicia, reclamarán en todos os concellos que o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, “escoite” as súas demandas e poña fin á “discriminación” que sofren con respecto ao mesmo persoal noutras comunidades.
Tras recordar que o PP dirixido por Alberto Núñez Feijóo chegou a votar a finais do pasado ano no Parlamento a prol de resolver esta situación, o PSdeG critica a “dobrez” amosada por un partido no goberno que non respecta o comprometido.
Cando estes traballadores superan unha semana de folga indefinida, a primeira na súa historia, os socialistas lamentan que “a cerrazón e o inmobilismo” da Xunta estea causando “serios inconvenientes ao conxunto da cidadanía”.
Neste contexto, o PSdeG demandará nos distintos concellos o apoio da corporación para as “xustas” reivindicacións destes funcionarios e para instar a Alfonso Rueda a que “escoite” as súas peticións.
Trátase de que quen é o conselleiro responsable de Xustiza “negocie unha solución que poña fin á discriminación” destes traballadores públicos galegos e “permita devolver á normalidade o funcionamento das sedes xudiciais” do país.
Máxime, como recalcou a secretaria de Xustiza do PSdeG, Paloma Castro, cando a Xunta decidiu “optar polo camiño máis fácil, o dos recortes” e provocou unha redución salarial aos funcionarios “equivalente a tres pagas extraordinarias” entre 2013 e 2016.