O portavoz da Executiva, Julio Torrado, felicitouse pola próxima posta en marcha da comisión de investigación que os socialistas foron os primeiros en reclamar
Criticou que a Xunta pretenda quedar para si o 40 % do incremento do prezo do lixo e instou ao presidente galego a bonificarlle á cidadanía o 100 % do imposto que recada
Explicou que o único motivo polo que baixan as ratios de alumnos por profesor é porque nacen menos nenos e nenas, xa que o curso non empezou con máis docentes
Lamentou que a Xunta organice unha xornada sobre concellos sen invitar ao PSdeG, que goberna á metade dos galegos, e só figure unha muller entre os 15 participantes
O portavoz da Executiva do PSdeG, Julio Torrado, mostrou hoxe a satisfacción dos socialistas por que finalmente unha comisión parlamentaria vaia investigar os sobrecustes do Hospital Álvaro Cunqueiro e a “contratación opaca” dos gobernos de Feijoo e Rueda, tal como viña reclamanto o Grupo do PSdeG xa dende antes do verán.
Torrado lembrou que o Consello de Contas non só sinalou no seu último informe un incremento de 470 millóns de euros no prezo do hospital vigués, senón que tamén “leva anos alertando de que a Xunta adxudica a dedo dous de cada tres euros” cos seus contratos, como tamén que numerosas sentencias sinalan fraccionamentos de contratos para facelos máis pequenos e repartilos a vontade. Para o voceiro é “moi preocupante” que o sobrecuste do Cunqueiro beneficiara “a especuladores” mentres prexudicaba á cidadanía.
En canto ás comparecencias na comisión, avanzou que os socialistas pedirán, tal como adiantou o secretario xeral, a de Rueda, a de Feijoo e “probablemente haberá outras persoas de apelido Feijoo e de apelido Núñez que tamén cremos que son importantes, porque non pode ser que a contratación dunha empresa privada co sistema público aumente exponencialmente en canto entra a dirixir a irmá do presidente da Xunta”.
Tamén criticou que “peregrine polo sistema sanitario a prima do presidente, cando é evidente que non ten ningunha boa valoración”, como tamén que tras o seu percorrido por numerosos postos esta semana se coñecera o seu nomeamento “como subdirectora xeral de algo que xa ninguén sabe o que é”.
“Rueda contamina. Que pague Rueda”
Julio Torrado referiuse ao incremento do canon de Sogama, que a Xunta ten intención de trasladar aos Concellos e, como consecuencia, ao recibo da recollida de lixo que pagan os veciños e veciñas da gran maioría de municipios galegos. Denunciou “un intento enorme do señor Rueda de facer de trilero” cando onte anunciou que a Xunta bonificaría o 60 % do imposto co que se ve na obriga de gravar o seu propio modelo ineficiente de xestión dos residuos, que se basea na incineración e no almacenamento en vertedoiros.
“É todo un engano”, asegurou o portavoz da Executiva, que explicou que por moito que o presidente trate de “facer pasar por boa esa medida”, o certo é que agocha un problema do que os socialistas veñen advertindo dende hai tempo. “Agora saca da manga esa medida, pero iso que quere dicir? Que vai quedar co 40 %” do que recaude co incremento.
O que propoñen os socialistas, detallou Torrado, é que se “Rueda contamina, que pague Rueda”, ou o que é o mesmo: “O imposto débese bonificar enteiro, e a cidadanía non pode pagar nin un euro máis porque Rueda sexa un vago”. Ademais, esixiu que, ao mesmo tempo, se empece a traballar na transformación do modelo, “como está facento toda Europa”.
“Temos un Goberno que presume da baixa natalidade”
Outro dos asuntos de actualidade que tratou foi “o inicio do curso escolar máis caro da historia” para as familias, que dedican entre 500 e 600 euros a material escolar e libros de texto, cuxa gratuidade retirou o PP nada máis acceder ao Goberno da Xunta.
O voceiro agradeceulles aos equipos docentes e ao persoal non docente dos centros educativos o traballo que desenvolven para que as clases comezaran “con gran naturalidade” pese a ter un Goberno galego “desaparecido”. Sinalou que, se a ratio de alumnos por profesor mellora, débese ao descenso da natalidade e non ao incremento de persoal docente. “O gran logro deste Goberno é comezar o curso con menos nenos e nenas. Temos un Goberno que presume da baixa natalidade”, afeou.
Tamén criticou “aos que alimentan os discursos de odio e chaman ao exército contra a inmigración”, e lembrou que “son os fillos e fillas dos inmigrantes os que sosteñen moitas escolas coa súa presenza”.
Finalmente, Torrado criticou duramente a Xornada sobre a Reforma do Mapa Muncipal de Galicia que a Xunta organizou para o vindeiro xoves, un evento ao que non está convocado ningún representante socialista, pese a que o PSdeG goberna, a nivel muncipal, á metade da poboación galega. “Debe de de ser que non teñen nada que dicir o presidente da Fegamp, a alcaldesa da Coruña ou o alcalde de Vigo”, ironizou, aínda que avanzou que “tampouco acudiríamos”.
O motivo, apuntou, é algo moito máis grave: que entre os 15 participantes da xornada únicamente figura unha muller, “unha secretaria xeral que debera reformularse en que Goberno quere estar e que tipo de políticas de igualdade quere alimentar”.
Tamén criticou que a xornda si fose ter, en principio, un representante do BNG, algo sintomático “deses pactos para silenciar aos socialistas”, pero ao final non acudirá “por culpa da presión das redes sociais”, subliñou.