O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, sinalou hoxe que o debate do Estado da Autonomía que comeza o mércores no Parlamento permitirá realizar “balance dos 10 anos de xestión” de Feijóo. Advertiu que o presidente da Xunta “nunca intentou desenvolver un proxecto que atendera ás necesidades da cidadanía”.
Así o dixo logo de evidenciar que despois dos 5 anos iniciais de crise económica, o líder do PP xestionou 5 anos de recuperación de riqueza a niveis semellantes á etapa pre crise, con maiorías absolutas do seu partido tamén en Madrid que desaproveitou para mellorar as condicións de vida dos galegos e das galegas. Sinalou que “non é posible escudarse noutros centrifugando as responsabilidades e utilizando a retórica como forma de ocultación”.
Os socialistas galegos presentarán sen embargo unha proposta alternativa de goberno para “que este sexa o último debate do Estado da Autonomía de Feijóo como presidente da Xunta”, apuntou en alusión á convocatoria electoral do próximo ano. Os socialistas galegos, dixo, buscan mellorar o funcionamento do Estado do Benestar logo de 10 anos de recortes, mellorando a calidade de vida e co foco posto no progreso económico.
Fernández Leiceaga apostou así por unha “transición industrial” centrada na mellora da formación e o I+D+i e que poña polo tanto o acento na mellora da produtividade fronte á competitividade vía redución salarial. Sinalou que o proxecto socialista defende “medidas de atención á diversidade e apoio á igualdade dentro do territorio, de xénero e entre as persoas que teñen distintas circunstancias”.
Vodevil das entregas a conta
O portavoz socialista sinalou que os socialistas galegos “somos partidarios dun autogoberno máis profundo” e de facer un “exercicio responsable” do mesmo, antes de amosar a súa “satisfacción” logo de ter “solucionado o vodevil das entregas a conta”. Este feito permitirá, sinalou, “centrar o debate nas competencias e responsabilidades da Xunta de Galicia”, evitando unha “cortina de fume” que distorsione o debate sobre a xestión de Feijóo no goberno galego.
Reivindicou así unha “estratexia de colaboración útil co goberno central e non de confrontación partidaria para erosionar a un partido ou outro, senón poñendo os intereses de Galicia en primeiro plano”, centrándose no financiamento autonómico, as transferencias e as infraestruturas.
Fernández Leiceaga lembrou neste sentido o incumprimento por parte do goberno galego do acordo acadado para reivindicar o impulso do autogoberno na anterior edición do debate do Estado da Autonomía. Aquela proposta, lamentou, traduciuse nun novo veto do PP cando chegou ao Parlamento en forma de iniciativa para reivindicar novas transferencias para Galicia.
Foi o mesmo resultado que obtiveron por exemplo os acordos para afastar as instalacións de tratamento de lixo dos núcleos habitados, rexeitada polo PP no pasado Pleno do Parlamento, o impulso do parque de vivenda pública, ou o acordo contra a violencia de xénero, que se traducen, subliñou, no “suspenso” á xestión destes debates por parte do goberno galego.