Julio Abalde denuncia que a achega da Administración autonómica ao Plan de Infraestruturas Universitarias só cubre o 30 % do financiamento necesario para a construción dos novos centros
O portavoz de Educación socialista no Parlamento galego critica que o Goberno de Rueda anunciara a “mobilización” de 100 millóns de euros ata o 2026 e que só contribúa con 40, mentres que o custo total está calculado en 137
O portavoz de Educación do Grupo Parlamentario Socialista, Julio Abalde, vén de rexistrar unha batería de iniciativas na Cámara galega a través das que lle reclama á Xunta un financiamento suficiente para os proxectos de sete edificios nos campus universitarios galegos. Trátase de proxectos destinados á docencia e á investigación que a día de hoxe están parados por falta de fondos, pese a que hai un ano Rueda asinou coas tres universidades públicas un Plan de Infraestruturas para o período 2023-2026 que contempla a súa execución.
Abalde criticou que o Goberno galego contemplou entón a “mobilización” de 100 millóns de euros para o financiamento desas obras, pero só dotou o plan con 40 millóns. Ademais, “o custe desas infraestruturas está en torno a 137 millóns de euros”, precisou.
O deputado socialista lembrou que “as universidades non teñen outras vías de financiamento que non sexan as taxas e a achega da Xunta”, de modo que esixiu que nos vindeiros Orzamentos a Xunta incorpore “un incremento nese Plan de Infraestruturas para que sexa posible que os sete campus dispoñan deses edificios para a docencia e a investigación, que son tan necesarios”.
Julio Abalde recordou tamén que o plan ten como obxectivo posibilitar que os sete campus se doten de grandes infraestruturas que non se poden realizar cos presupostos ordinarios do Plan de Financiamento Universitario.
Da nova Facultade de Farmacia ao centro de Enxeñaría Aeroespacial
No convenio que asinaron a Xunta e as institucións académicas en xullo do 2023 figuran o edificio da Falcultade de Farmacia da Cidade da Saúde en Santiago; a integración da Facultade de Formación do Profesorado no Complexo Docente, en Lugo; o novo CITIC da Cidade das TIC, na Coruña; o Centro de Investigación da Industria Intelixente, en Ferrol; o Centro de Enxeñería Aeroespacial, en Ourense, e o Centro de Investigación Mariña, en Vigo, así como a remodelación do Hospital Provincial no campus de Pontevedra.
Non obstante, segundo a información que manexa a propia Xunta de Galicia, se o plan vai “mobilizar” 100 millóns de euros entre 2023 e 2026, insistiu Abalde, “o cálculo máis conservador” para o custe da construcción das infraestruras sería de 137 millóns. Como o Goberno galego ten previsto contribuír só con 40 millóns durante os catro anos de vixencia, a razón de 10 millóns por ano, o financiamento por parte da Administración autonómica situraríase no entorno do 30 % do custe total.
Eses cartos son “claramente insuficientes”, reiterou o deputado, posto que as universidades públicas non dispoñen de fondos propios para enfrontar investimentos desa envergadura e teñen practicamente nulas posibilidades de cofinanciamento, xa que non dispoñen de fontes de ingresos máis alá das achegas da Xunta a través do Plan de Financiamento Universitario —que tampouco cubre as súas necesidades— e das taxas universitarias, que están conxeladas dende 2010.
Un plan “cosmético” e unha práctica “frecuente”
O portavoz socialista de Educación sinalou que, contratiamente ao que sucede coa Xunta de Galicia, que ten acceso aos Feder, aos Next Generation e a outros fondos europeos, as universidades non dispoñen desa posibilidade, como tampouco da de recorrer ao endebedamento. Así, sen garantías de dispoñer de financiamento dabondo, o Plan de Infraestruturas queda como “unha nova medida cosmética da Xunta de Galicia que non poderá executarse”.
Julio Abalde denuncia que se trata dunha “práctica frecuente” por parte do Goberno do PP, que anuncia investimentos cunha mobilización orzamentaria, pero tras iso agóchase un infrafinanciamento que resulta “bloqueante”, tal como acontece co Plan de Financiamento do Sistema Universitario de Galicia. Nese caso, a Xunta asegura que está dotado aproximadamente con 3.200 millóns de euros ata o 2026, cando a realidade é que nos Orzamentos non se prevé acadar nin 2.500 millóns nos cinco anos de vixencia. Os outros 700 millóns corresponden a fondos competitivos logrados polo profesorado e os investigadores e investigadoras das institucións académicas a través das convocatorias do Goberno de España e da Unión Europea.