Luis Álvarez denunciou a dominancia das versións do Goberno nas emisións da TVG
O deputado socialista, Luís Álvarez, presentou unha pregunta ante o director xeral da CRTVG en Comisión na que reclamou “o dereito da sociedade a coñecer a cobertura dos asuntos máis alá da versión oficial”.
O deputado esixiu máis pluralismo ideolóxico, político, cultural e social na CRTVG; facendo fincapé na folga da xustiza e nas diversas manifestacións dos pensionistas, as cales cualificou de “lexítimas e pertinentes”. Afirmou que para a CRTVG “non son cuestións prioritarias”. Pola mesma liña, puxo enriba da mesa que “non se fixo ningunha entrevista a ningún líder pensionista ou sindical”, contrapoñéndoo a que si tiveron tempo para entrevistar a unha lista de conselleiros, a cal citou, e cargos coma o vicepresidente da Xunta.
Do mesmo xeito, alegou que “como cofinanciador, ó igual que o resto da sociedade galega, isto é algo que me preocupa” e que “hai unha evidente prevalencia da posición gobernamental, visión oficial, no tratamento da información”. Feito polo que o grupo Socialista demanda maior pluralismo