César Mogo destacou que a intervención do ministro de Industria deixou claro que a posición do PSdeG e do Goberno respecto do proxecto de Palas de Rei é a mesma
Criticou que o PP insista na súa campaña de fake news cando votou contra a compensación 80 % nas peaxes eléctricas á fábrica da Mariña lucense
Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2025. O senador do PSdeG César Mogo censurou hoxe que o Partido Popular insista en manter en marcha a “fábrica de mentiras” dos senadores Balseiro e Barreiro, con terxiversacións que despois ambos tratan de espallar a través de iniciativas parlamentarias. O socialista criticou que no pleno desta tarde intentasen, mediante unha pregunta ao Goberno, de “enredar” sobre a situación de Alcoa.
Mogo sinalou que o fixeron pese a que o PP non apoiou a redución dun 80 % nas peaxes eléctricas, unha medida incluída no Real Decreto contra o que os populares votaron o pasado 23 de xaneiro. Tamén criticou que, tal como lembrou durante a sesión a vicepresidenta terceira, Sara Aagesen, a tardanza da Xunta ao entregar a documentación sobre os parques eólicos que van abastecer Alcoa impedise tramitar en prazo a declaración de impacto ambiental. “Non o poñen fácil”, dixo Aagesen.
Pese a iso, o Goberno mantén o “compromiso firme” coa planta da Mariña lucense, asegurou Mogo. Por ese motivo, artellou unha solución ao problema das instalacións de renovables, dando prioridade nos concursos de acceso á rede aos proxectos “que teñan un avanzado estado de tramitación”. Por outra banda, as compensacións por emisións de CO2 para a industria eleváronse ata os 600 millóns de euros, medida que tamén afecta a Alcoa, e España está a ofrecerlle ao sector neste momento “a enerxía máis competitiva de Europa”.
O ministro de Industria: “Coincidimos totalmente”
A sesión de control incluíu tamén unha pregunta dos populares sobre Altri, que buscaban incidir na falsa afirmación de que existe diferencia de opinións entre o PSdeG e o Goberno central respecto do proxecto de Palas de Rei. “Demostrouse que non hai discrepancias”, subliñou César Mogo tras a intervención do ministro de Industria, Jordi Hereu, que foi contundente: “O PSdeG e o Goberno coicidimos totalmente”.
Hereu explicou durante o pleno da Cámara Alta que o Executivo apoia os proxectos industriais e por ese motivo asinou compromisos con Alcoa, “para manter a actividade”, e respecto das novas iniciativas apuntou que se analiza “a viabilidade” de cada unha delas tanto no aspecto técnico coma no económico e no medioambiental. César Mogo sinalou especialmente da intervención do ministro que quedou claro que os criterios son “obxectivos”, incluído o que respecta á protección do medio natural.
“O que non está aínda tan claro —dixo— é se a Xunta ten algún compromiso para financiar o proxecto de Altri, porque non ofrece información pese a que o secretario xeral do PSdeG lévaa demandando en reiteradas ocasións”.